PEDRO SOLLA, VOCALISTA DE ATRÁS TIGRE

"Atrás Tigre é como unha suma de memorias musicais"

Aos seus membros coñeciámolos de antes pola súa poesía, pero velaí os están, decantando versos en forma de composicións musicais, coa súa proposta de pop nostálxico e feituras británicas. Veñen de presentar o seu primeiro LP, 'Fainos saír', e son Atrás Tigre: Olalla Cociña, Antón Blanco, Xiana Arias e Pedro Solla, o único non poeta (polo momento), con quen falamos. 

atrástigre
photo_camera Atrás Tigre: Antón Blanco, Xiana Arias, Pedro Solla e Olalla Cociña

- Onte presentastes o voso primeiro disco, 'Fainos saír', nas Festas de San Pedro, unha auténtica plataforma de despegue para os grupos emerxentes galegos. Que significa para vós este primeiro traballo?


- Este primeiro disco é como unha especie de soño feito realidade. Nós sempre dicimos o mesmo: Atrás Tigre está feito de persoas que non tiveran unha banda antes e que non publicaran un disco nunca. E o feito de compartir co resto da xente o que estivemos facendo, o que nos estivemos divertindo durante o último ano, é xenial. E, sobre todo, poder compartilo en directo e ir sumando temas que ensinarlle á xente... 

Atrás Tigre é a confluencia de todas estas cousas, e de relacións de amizade xa moi duradeiras

- De onde vén Atrás Tigre? A tres de catro coñeciámolas como poetas: Xiana Arias, Olalla Cociña e Antón Blanco...


- Tamén somos tres xornalistas e un filólogo, esta é a aliñación titular. E elas tres ademais teñen libros de poesía publicados, eu veño do audiovisual... Credenciais musicais realmente o único que ten é Antón, que xa tocou noutros grupos. Agora mesmo Atrás Tigre é a confluencia de todas estas cousas, e de relacións de amizade xa moi duradeiras. Xa nos unía unha relación persoal entre nós desde hai bastantes anos e froito diso, e de compartir moitos concertos e de vivir moita música en común, isto derivou en que formamos unha banda. Esa é un pouco a historia. Parece moi idílica pero é a verdade. 

- O da poesía nótase nas letras, pero asinádelo todo conxuntamente, tanto as letras como a composición. Facédelo todo xuntos? Non hai ninguén que se dedique máis á letra ou outros á música?


- Sempre insistimos moito en que é un proxecto colectivo. E parece unha posición teórica pero en realidade non o é, é a realidade de como facemos as cousas. Non ten maior importancia quen fai isto ou o outro, porque realmente todas escribimos e todas compoñemos. Non facemos un reparto do traballo, temos que estar todas moi conformes coas propostas, tanto textuais como na partitura, e mentres non nos sentimos todas representadas, á parte de que por suposto nos ensaios filtramos moito. Alguén se cadra nun momento dado pode empezar a escribir un texto ou cunha idea a partir da cal desenvolver unha estrutura musical. E a partir de aí imos sumando todas. Un pouco esta é a mecánica de traballo. Realmente prometo que se ao final fas as contas, o número de letras feitas por cadaquén están repartidas equitativamente.

De bandas galegas, evidentemente para nós tanto Ataque Escampe como os Homens foron precursoras do tipo de proposta que nós facemos agora.

- Tedes un punto nostálxico moi potente, nalgúns temas de forma explícita, con letras escuras e introspectivas. É consecuencia de comezar na música xa medradas?


- Non sei, pode ser. Aínda hai pouco falabamos, e cremos que, en primeiro lugar, a música que facemos é un froito, unha consecuencia directa de volcar a nosa bagaxe persoal. É como unha suma de memorias musicais. E, en segundo lugar, é unha suma de memorias musicais que estaba intacta, é dicir, que non se volcou até agora. Por iso nos leva a lugares diferentes e o resultado é máis ben heteroxéneo. Iso dalgunha maneira o poñemos ao noso favor, porque nos permite ter moito campo de traballo e, sobre todo, de exploración. Aí creo que nos sentimos moi libres porque precisamente aínda nos queda moito por explorar. O que non vivimos aínda en ningún momento, e esperemos que siga moito tempo, é o sentimento de que algo se esgotou. Estamos aínda explotando algo que acabamos de descubrir. 

- Como definiriades a vosa proposta a nivel musical?


- Sempre preferimos que o fagan outros. De feito, á hora de poñer etiquetas que son necesarias, preferimos que nolas poñan. Nós sempre dicimos que somos unha proposta pop. Sempre entendemos o pop nun sentido moi amplo e heteroxéneo, por iso non falamos necesariamente de conceptos alegres ou vitalistas senón que o levamos a unha paleta de cores moi ampla e por iso cremos que todos os estados de ánimo caben dentro do pop e por iso nos consideramos un grupo pop. Logo, máis alá diso, por acoutar un pouco máis, nós sempre dicimos que somos 'jangle pop', porque é algo que sempre xerou consenso á hora de definir a nosa música entre a xente da que nos fiamos. E tamén esas mesmas persoas levábannos moi claramente á tradición do C86, un pouco ao rollo que levaban todas aquelas bandas británicas. Nese lugar estamos cómodas, aínda que agora neste disco a xente identifícanos máis con algo máis relacionado co 'shoegaze' ou con posturas un pouco máis 'dark' pero a nós válenos como estabamos.

[Na música galega] tanto en cantidade como en calidade é un momento realmente feliz

- Bandas de referenza?


- Poderiamos facer un sumatorio inacabable, pero interésanos moito bandas que escoitabamos cando eramos novos. Por exemplo, eu podería dicirche os Smiths, igual Olalla podería dicirche The Cure, entre todos podemos falar dos Pixies. De bandas galegas, evidentemente para nós tanto Ataque Escampe como os Homens foron precursoras do tipo de proposta que nós facemos agora. E agora tamén nos sentimos moi identificadas formando parte dunha especie de colectividade, pensando en Chicharrón, en Esposa... bandas que están compartindo este momento de efervescencia con nós. 

- Falando de efervescencias, en Galiza non paran de xurdir novas bandas, desde o indie até o trad. Moita xente da música comenta que estamos na mellor época da música popular galega,  a máis prolífica, a máis variada. Que opinas?


- Eu opino que é certo. É a época que nos tocou vivir e por iso temos máis coñecemento de causa, pero creo que tanto en cantidade como en calidade é un momento realmente feliz. Si que é verdade ademais que dá a sensación de que hai unha heteroxeneidade brutal, que cadaquén fai o que realmente necesita facer, non hai criterios de "bueno, imos facer isto porque agora mesmo ten máis acollida", ou criterios de venda. A xente está a facer o que lles sae de dentro, e iso é moi san e permite que todas aprendamos dos demais. A nosa prioridade para nós é seguir aprendendo, porque estamos na fase incipiente disto e formar parte deste momento e estar en contacto e ter mesmo relación persoal con moitas das persoas que forman parte diso, pois para nós non é máis que un motor de ilusión e de seguir medrando. 

- Onde vos podemos ver este verán?


- Temos agora mesmo confirmado no Festival dos Premios Fouciño en Baio o 8 de xullo e despois o 12 de agosto no Noroeste da Coruña. A partir de setembro comezaremos a xira por salas para presentar o LP. 

Comentarios