Conta atrás para un Entroido alternativo obrigado polo coronavirus

A maioría dos concellos que acubillan os entroidos máis concorridos xa anunciaron a suspensión dos festexos e das citas tradicionais. Porén, hai propostas alternativas que buscan manter o espírito das máscaras e respectar as restricións fronte ao coronavirus. 
Entroido_de_Viana_do_Bolo_2018_-_08
photo_camera Entroido de Viana do Bolo en 2018.

Xinzo, Verín, Viana, Ourense, Laza, Chantada, Pobra do Brollón, Pontevedra... A unha semana do inicio do Entroido, coincidindo co Domingo Fareleiro, son moitas as localidades que xa anunciaron remudas nas súas programacións e mesmo a cancelación das citas tradicionais en cada un deses destinos por mor do coronavirus e da evolución da pandemia da Covid.

O de 2021 será un Entroido diferente. Sen aglomeracións nas rúas mais tamén sen descoidar o ánimo festeiro, a sátira e o sentido do ridículo que acompaña este tempo de disfraces.

Para volver con máis forza

Uns dos primeiros en avanzar a cancelación das actividades previstas para este ano foron o Entroido Ribeirao e o oso de Salcedo, propios de Chantada e a Pobra de Brollón. Quedarán sen desfile de volantes, mecos e maragatos, mais co ánimo de volver en 2022 con máis forza. "É mellor un ano sen Entroido, que non estar sen el nos próximos".

A asociación cultural enLAZAdos tampouco descoidou o anuncio da suspensión do Entroido de Laza ante o avance da pandemia na comarca de Verín e Monterrei. Sen festexos masivos, a organización non descarta algún acto cultural para manter o espírito das máscaras malia as restricións.

Por responsabilidade

"Por responsabilidade, toca pór a seguridade e a saúde por diante de calquera outra cuestión", salientou a corporación municipal de Xinzo tras a "cancelación da festa" ao mesmo tempo que prometeu "alternativas testemuñais para lembrar estas datas e manter acesa a chama do Entroido".

Mais sempre desde a "responsabilidade individual" na que fixo fincapé o goberno local de Verín para que a veciñanza teña conta da situación e respecte “en todo momento as medidas de prevención vixentes decretadas pola Xunta da Galiza”.

Folións desde os balcóns

Talvez por iso, xa houbo quen a canda o aviso de cancelación fixo público un novo protocolo entroideiro axustado ás medidas sanitarias acordadas polas autoridades. É o caso do Fulión Alternativo de Viana do Bolo, que tras a cancelación dos festexos por parte do Concello non renuncia á maior "explosión de tradición, enxebrismo e sentimento" que represneta o Entroido.

E como "alternativos somos todo", afirman nun comunicado dirixido á veciñanza, convidan a gozar dos Compadres e das Comadres disfrazadas; para ir á compra, pasear ou traballo. Tamén piden encher as fachadas, fiestras e balcóns de Lardeiros e Lardeiras, animan a enfariñarse coas persoas convivintes, "a tocar o fulión desde o balcón" e a encher as redes sociais de androllas o día da festa.

Memoria do Entroido

Pero as celebracións alternativas tamén chegan a proposta das corporacións municipais. É o caso de Pontevedra que xa avanzou que este ano o loro Ravachol estará presente mais sen queima nin enterro. E a falta de comparsas e aglomeracións nas rúa as actividades propostas desde o Concello tratarán de recuperar a memoria histórica do Entroido da cidade.

Comentarios