venres 10.07.2020

ASPG tamén pide que en 2021 se dedique de novo o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero

Formula a proposta polo “ben da literatura galega e da cultura galega en xeral”.

Carvalho Calero
Carvalho Calero

O adiamento pola Real Academia Galega (RAG) da celebración do Día das Letras Galegas a finais de outubro por mor da pandemia polo coronavirus continúa a xerar reaccións. Desde o respecto á decisión da RAG, voces do mundo da cultura e o ensino están a pedir estes días que se estenda ou prorrogue a 2021 a homenaxe que Carvalho Calero ía recibir este ano co gallo do Día das letras Galegas.

Á federación Galiza Cultura, AGAL, A Mesa ou AELG únese tamén a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), que lembra que por mor da COVID-19 tivo que suspenderos actos programados en honra de Carvalho Calero.

A ASPG incide no feito de que a suspensión da actividade docente presencial impide que se poda desenvolver con normalidade unha programación acaída co gallo do Día das Letras Galegas. “Carvalho Calero, cuxa persoa e obra merecen ser lidas, comentadas e valoradas nun contexto de normalidade sociocultural que neste momento non se dá”. 

Por iso, esta asociación propón á RAG que “dedique de novo o ano 2021 á celebración completa e debida da persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero”

“A excepcionalidade de tal medida está, entendemos totalmente xustificada pola crise que estamos a sofrer. E se excepcional é o contexto, excepcionais deben ser as medidas.”

ASPG tamén pide que en 2021 se dedique de novo o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero
comentarios