Aspergillus, rock e electrónica que nacen con “Cinzas”

Proceden doutras bandas e mesturan rock e electrónica. Chámanse “Aspergillus”, nome que toman dos fungos que se adiviñaban no seu húmido local de ensaio. Con “Cinzas” ofrecen unha carta de presentación na que a transgresión é un dos seus sinais de identidade. 

Aspergillus
photo_camera Aspergillus

“Cinzas” é o primeiro traballo de Aspergillus, a nova banda nacida na comarca de Compostela e composta por cinco músicos que proceden de grupos como Ruxe-ruxe, Medomedá ou Drinkin'tinto. Cadraron nun encontro na carballeira de Francos hai dous anos e decidiron botar a andar un proxecto conxunto que agora presentan a través dunha creación audiovisual, un clip co seu tema “Cinzas” nas que o guión, o teatro, e a música súmanse con sorprendente resultado, producido por Alicia Nimo. 

Antón “Torroncho”, baixo, Alex Sevilla, Percusión, J.A. Pais, guitarra, Pablo Nimo, teclados e samplers e David Santomil “Deví” na voz e teclados compoñen a nova agrupación que prepara unha serie titulada “Triloxía” da que “Cinzas” é a primeira entrega. Rock e electrónica con creacións audiovisuais orixinais nun estilo que definen como “transgresor e dinámico”. 

Inquedanzas en Coira

“Xuntámonos para levar a cabo inquedanzas e ideas, cun estilo distinto ao que faciamos antes. Os temas comezaron a saír e, deles, “Cinzas” é o primeiro que se consolidou a través do videoclip que agora presentamos e que incorporaremos ao repertorio que contamos preparar de cara ao verán”, explica David Santomil, que agarda que a súa carta de presentación anime tanto á banda como a quen se achegue a súa música a través da rede. 
 
Ensaian nunha vella casa en Coira, no que a humidade, en especial en tempo de chuvias, combínase co son saído dos seus instrumentos. De aí naceu o nome de Aspergillus ou tamén Aspergillus de Coira, que buscan dar a noticia da súa existencia e están á espera de poder mostrar ao vivo o que se coce no seu local de ensaio onde os temas se van “empastando” coa participación de todos os membros. 

“Cinzas” é a primeira proba, un tema crítico co que eles mesmos viven e cun videoclip gravado de maneira artesanal mais que sorprende tanto polo seu guión como pola súa escenificación. “”Compuxemos Cinzas pensando na masa social que está silenciada e que ten que saír á rúa para cambiar un sistema que non funciona. É unha crítica social e unha defensa da necesidade de facer forza para mudar o sistema”, explica Deví que convida a ver o videoclip no que as máscaras dos membros do grupo non ocultan o seu rexeitamento do poder da igrexa e da necesidade da protesta. 

Son os Arpergillus un grupo de combate? “Somos reivindicativos mais tamén queremos defender unha mensaxe de modernidade, de cambio social que se aprecia na propia maneira de entender a música, coa electrónica ou na forma de trasladar ao público un ambiente mesmo futurista, aínda que, sempre, con grandes doses de rock”. 

A rede como escenario

A rede está a ser a súa principal canle de comunicación, coñecedores ademais das cada vez maiores dificultades para conseguir actuacións ao vivo. “Queremos explotar esa vía, con creacións audiovisuais, concertos en streaming e comunicación directa. A día de hoxe, facer concertos é cada vez máis difícil mais non por iso perdemos a esperanza”, apunta David Santomil. 

Herdeiros directos do bravú, no que partillaron algúns dos seus membros, mais agora xa con máis anos buscan na banda de recente creación, alén de se divertir en cada ensaio, mesturar diferentes disciplinas, sumar música, teatro e audiovisual as súas creacións e manter, con sons electrónicos mesturados con rock en estado puro iniciar un camiño no que queren dar puntapés ás pedras que atopen e tirar lume das súas “Cinzas”. A proba, xa no primeiro videoclip que teñen dispoñíbel na rede: 

Comentarios