As asociacións profesionais envían á Xunta as demandas para o sector cultural

Un total de 17 asociacións profesionais do sector da cultura dirixíronse á Xunta da Galiza para lle propor medidas que contribúan a minimizar a crise que atravesan debido ao confinamento provocado pola COVID-19.

historias con susto durmir a gusto teatro

Asociacións de profesionais da cultura galega elaboraron un documento conxunto que lle fixeron chegar a todas as administracións públicas, no exercicio da súas competencias, con medidas para paliar a “dramática situación” que sofre o sector cultural.

Entre elas destacan: axilizar os pagos, revisar as bases das subvencións, manter as contratacións aprazándoas preferentemente, non rebaixar orzamentos en cultura, incentivar o consumo cultural baixando o IVE, así como axudas directas ao sector para que poidan facer fronte ás súas necesidades.

As dezasete asociacións que asinan o documento poñen de manifesto que o cultural “é un sector moi sensíbel ás crises económicas” que achega o 2% do PIB galego, o que equivale a 1.100 millóns de euros.

“Pode parecer inoportuno estar reclamando medidas para o sector cultural nestas circunstancias nas que está morrendo tanta xente, pero o cultural é un sector moi precarizado, con moito autoemprego e pequenas empresas, que o están pasando realmente mal ao suspenderse toda a programación cultural e estar pechados os espazos de exhibición”, advirte Pilar Portela, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultura (AGPXC), que lembra que “países como Italia Francia ou Portugal xa aprobaron medidas específicas para o sector cultural”.

O documento remitiuse á Xunta da Galiza “para que se tome en consideración”, na medida das súas competencias, e para que “o faga chegar ao Goberno do Estado”, co fin de que se coñezan as demandas do sector cultural galego que son de competencia estatal, á Fegamp e as entidades locais galegas, así como aos grupos parlamentarios.

No día de onte o sector do libro facía públicas as súas preocupacións e as súas demandas.

Comentarios