Asociacións de distintos ámbitos xúntanse en Compostela para manter viva a festa das letras

Asociacións culturais, de recuperación da memoria, de defensa da lingua ou ecoloxistas danse cita esta quinta feira en Compostela (18.30 h, Libraría Couceiro) para fixar uns mínimos contra a decisión de dedicarlle o DLG a Filgueira e para manter viva a festa da lingua. 

Consideran que o 17 de maio ten de continuar o seu espírito festivo e reivindicativo e valoran que a decisión de declarar a Filgueira Valverde como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas abre unha profunda fenda coas organizacións sociais que sempre mantiveron a festa. Son as razóns que impulsan a convocatoria, promovida fundamentalmente desde A Mesa pola Normalización Lingüística, e que xuntará esta quinta feira día 10 de xullo ás 18.30 horas na libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes) a entidades do mundo da cultura, da recuperación da memoria histórica, da defensa da lingua ou do ecoloxismo. 

Fixar uns mínimos

O obxectivo da xuntanza é “fixar os mínimos comúns que unen a defensa da lingua e literatura galega e a partir de aí abrir as posibilidades para o Día das Letras Galegas non ser un ermo”, sinala Marcos Maceira, presidente da MNL que promove o encontro. 

Na vontade está “manter vivo o día como data relevante, xa que a Academia deserta de facelo”, sinala Maceiras. En cada nova edición, competencia da Academia Galega é dar o nome da persoa á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas, mais é a sociedade a través de asociacións, entidades ou centros de ensino quen organiza a multitude de actos que se desenvolven arredor da data. Desta volta, a designación de Filgueira Valverde anticipa un “divorcio” que pode ter repercusións cara ao futuro da conmemoración. O primeiro encontro que terá lugar en Compostela tentará sentar as bases dun acordo para promover unha festa social e colectiva para as letras e a cultura galega. Sábese xa que desde distintos colectivos, e mesmo a título particular, levaranse á xuntanza distintas iniciativas e propostas para poñer en común co fin de chegar a un acordo unánime.

Comentarios