As asociacións da memoria en desacordo co vindeiro Día das Letras Galegas

As Asociacións de Recuperación da Memoria Histórica manifestan o seu desacordo coa designación de Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas pola súa vinculación co franquismo. 

Homenaxe en San Simón
photo_camera Homenaxe en San Simón

As Asociacións de Recuperación da Memoria Histórica, integrantes da Iniciativa Galega pola Memoria veñen de facer público nun comunicado conxunto o seu “desacordo” coa decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas a Xosé Filgueira Valverde. Lamentan no seu comunicado a designación para a homenaxe dunha “persoa significada dentro do réxime franquista” cando aínda se “nega acceso aos arquivos e a verdade sobre o acontecido neste período, se mantén a impunidade sobre os crimes cometidos por este réxime na lei de Amnistía do ano 77, se segue sen reparar as vítimas e amosar arrepentimento ou pedir perdón senón que -pola contra- se tolera a apoloxía destes crimes en rúas, mausoleos, monumentos e actos públicos”.

As asociacións que forman parte da Iniciativa Galega pola Memoria acordaron os termos do comunicado que agora fan público na Homenaxe Nacional ás vítimas do Franquismo que promoveron na Illa de San Simón o pasado 20 de xullo. No marco do acto anual desenvolvido polo asociacionismo que traballa na recuperación da memoria deitáronse tamén críticas ao goberno da Xunta pola “desmemoria” que fai imperar en espazos como a Illa de San Simón do que desaparece a pegada do seu pasado como campo de concentración á vez que criticaron que o executivo de Feijóo botara abaixo toda a liña de traballo desenvolvida durante o bipartito cando, por vez primeira, se promoveron políticas da memoria con iniciativas como as homenaxes institucionais anuais, a creación do Consello da Memoria, o apoio ás asociacións ou se botou a andar o ambicioso proxecto de investigación “Nomes e voces” en convenio coas tres Universidades que o goberno do PP paralizou. 

Comentarios