Asociacións culturais rexeitan Filgueira e homenaxearán o “xenio criador do Pobo galego” o Día das Letras

As asociacións máis numerosas e activas do país homenaxearán o “xenio creador do Pobo galego” o vindeiro Día das Letras Galegas. “Filgueira Valverde non pode unir a ninguén”, din e anuncian unha conmemoración festiva á marxe da oficialidade da Academia. 

Xuntanza das asociacións
photo_camera Xuntanza das asociacións

As asociacións culturais con máis persoas asociadas e maior actividade do país asinan o manifesto común “O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura” no que manifestan a vontade de manter o carácter de unión e festivo do Día das Letras, en especial, “nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade”. 

A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega- Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, Federación de Asociacións Culturais Galegas-Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega son as entidades asinantes do comunicado no que rexeitan a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde, unha figura que, segundo din, “non pode unir a ninguén”. 

A exemplaridade e o franquismo

“O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG”, explican no comunicado, nacido da xuntanza mantida a pasada quinta feira en Compostela, cinco días despois de que a Academia fixera pública a designación de Filgueira como figura a homenaxear o vindeiro Día das Letras Galegas. 

Anuncian tamén que van dedicar o 2015 a homenaxear o “ xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias”, como primeiro paso “dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía” que iniciará a súa andaina a partir de setembro cando se vaia materializando a proposta das asociacións culturais. 

Apostan nunha data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Son asociacións que tradicionalmente organizan actos e programacións arredor do 17 de maio e que se xuntarán de novo despois de setembro para artellar as súas actuacións cara á un Día das Letras en que, por vez primeira nos cincuenta e un anos de historia, optarán por unha conmemoración diferente, á marxe da figura escollida pola Academia. 

Comentarios