Unha asociación de Ucraína pide censurar Kusturika na Coruña

A asociación AGA-Ucraína considera que o músico serbio apoia Vladimir Putin.

Emir Kusturika (Imaxe: Cineuropa)
photo_camera Emir Kusturika (Imaxe: Cineuropa)

Un dos pratos fortes do Festival Noroeste da Coruña é o concerto da banda Emir Kusturika & The no smoking orchestra, que decorrerá o 11 de agosto. Unha cita que podería non ter lugar se o Goberno de Inés Rei atende a petición de censura por parte da asociación AGA-Ucraína, constituída após o estalido da guerra.

A entidade carga contra o artista serbio por recibir en 2016 a Orde da Amizade por parte de Vladimir Putin, presidente de Rusia. É esta unha das condecoracións máis altas outorgadas por Rusia a civís de fóra do país.

Así, AGA-Ucraína apela a cancelar o recital de Kusturika ao considerar que “apoia abertamente o presidente ruso”, así como as “ilegais e terroristas operacións militares que Rusia leva facendo en territorio ucraíno desde 2014”, obviando a participación de Ucraína no conflito de Donbás, con milleiros de persoas falecidas.

A entidade tamén se dirixiu a Estrella de Galicia para que non financie o concerto. A maiores, carga contra a chegada da fragata Shtandart, con bandeira rusa, esta sexta feira a Vigo. “Pedimos que se negue a entrada no porto a este buque, en aplicación do quinto paquete de sancións da UE contra Rusia”, informa a asociación.

Kusturika, crítico cos EUA

O cineasta e músico é tamén coñecido polas súas declaracións públicas contra a política imperialista dos EUA. En maio de 2017, escribía nun artigo publicado nun diario serbio que a “Terceira Guerra Mundial comezará cos EUA bombardeando a canle RT”. Unha emisora que foi censurada nos países da UE após o estalido da guerra en Ucraína.

Nese artigo, Kusturika criticaba a “maquinaria de prensa estadounidense” e afirmaba que RT “envía sinais de que o mundo non está determinado polo invitábel do capitalismo liberal”.

De feito, a censura que pesa sobre a canle fora prognosticada entón polo músico nese ano, cando advertía de que os EUA “tratarán de silenciala pola forza”, como fixeron, lembrara, en 1999 coa televisión estatal serbia”.

Un artista recoñecido internacionalmente

NaNado bosníaco e musulmán, declarouse publicamente serbio e defínese como iugoslavo. Hoxe ten, ademais, nacionalidade francesa. Trátase dun dos poucos directores que conseguiu gañar dúas Palmas de Ouro do Festival de Cannes. Tamén recibiu dous Premio Fipresci e dous León de Prata, entre moitos outros.

Artista multidisciplinar, gañou no ano 2005 o Premio Europeo de Arquitectura Phillipe Rotthier polo seu proxecto de cidadela étnica, Drvengrad (Vila de madeira), situado sobre o monte Zlatibor en Serbia. O galardón concédese cada tres anos pola Fundación para a Arquitectura de Bruxelas, e é unha das máis prestixiosas distincións belgas e europeas no campo arquitectónico.

 

Comentarios