A Asociación Galega da Crítica lamenta a “incerteza e deriva” do MARCO

A Asociación Galega da Crítica, agrupa a case 40 persoas, vén de emitir un comunicado en que amosa a súa “disconformidade” pola “incerteza e deriva” na xestión do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo. “Queremos sumar a nosa voz á denuncia que outras organizacións e a propia cidadanía manifestou ao longo destes meses”, engaden.
 

marco vigo
photo_camera O MARCO de Vigo. Foto: cedida.

Hai un ano, lembran as críticas e críticos, que Iñaki Martínez Antelo, director da institución, anunciou que deixaba o cargo. Hai uns días fíxoo efectivo. “Houbo tempo suficiente para que o Padroado do museo puidera facer unha convocatoria pública para o cargo seguindo códigos de transparencia e boas prácticas”, indican, “e á altura de hoxe, non hai ningunha convocatoria para cubrir o cargo”.

A asociación alerta tamén das “alarmantes declaracións públicas do responsable do Concello de Vigo” e demanda das “autoridades competentes” que o MARCO “continúe a ser profesional e independente, un espazo de investigación, documentación e formación de profesionais da arte e da cultura contemporáneas”

A Asociación Galega da Crítica, presidida por María Xesús Nogueira, é un colectivo de “críticas e críticos das artes visuais, da literatura, das artes escénicas, do cinema e da música”. O seu posicionamento público a respecto da situación do museo vigués vén engadirse a outros. Un dos últimos foi o da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, enfocado nun sentido semellante.

Comentarios