Xosé Carlos Seráns Olveira, vén de ser elixido presidente do organismo

A Asociación Galega de Compositores enfronta o futuro cunha nova directiva

Xosé Carlos Seráns Olveira vén de ser elixido presidente da Asociación Galega de Compositores. Despois de dous anos de parón, a nova directiva enfrónta o reto de retomar o ritmo de traballo previo á pandemia, mais o seu entusiasmo non dubida en marcarse novos obxectivos para visibilizar a música académica do país.
XoséCarlosSeránsOlveira
photo_camera XoséCarlosSeránsOlveira

Case dous anos de pandemia poden paralizar non só as actividades dun organismo, senón, sobre todo, as dinámicas internas que o animan. Recuperar esas dinámicas, por veces, é o máis complicado da volta ao traballo. Ante ese reto se atopa agora Xosé Carlos Seráns Olveira, que vén de ser elixido novo presidente da Asociación Galega de Compositores. Seráns ten ante si a difícil encomenda de botar a andar de novo a asociación para tratar de outorgarlle algo máis de presenza e relevancia á música académica composta na Galiza. 

“A situación é complexa”, explica o novo presidente da AGC en conversa con Nós Diario, “acabamos de vivir unha pandemia e a Asociación, como case todos os organismos, estivo parada, e retomar o traballo non sempre é fácil. Estamos tratando de retomar o ritmo das actividades. Hai unha serie de proxectos que quedaron estancados e que agora queremos desenvolver. Agora mesmo, por exemplo, estamos en conversas coas editoriais musicais para facer unha edición dunhas trinta partituras de música de cámara para facilitarlla a todos os conservatorios galegos. Hai unha eiva moi grande no acceso a este tipo de material. Desde o profesorado nos queixamos de que sempre se bota man das mesmas partituras, pero o certo é que tampouco hai moitas partituras editadas. Daquela, propuxémoslles ás persoas asociadas a realización desta publicación e o proxecto tivo unha grande aceptación". 

Por outra parte, os concertos que organizaba a AGC foron sempre o seu buque insignia e, por mor das restricións derivadas da pandemia, deixaron de ter lugar. “Tentaremos volver a relanzalos, ao tempo que estamos tratando de dar a coñecer as obras en redes sociais para animar ao público a que asista a estes concertos e a que, en xeral, teña un maior coñecemento da nosa actividade”. 

"As obras precisan confrontarse co público non só para ter difusión no propio país, senón tamén para ver como funcionan ante un auditorio e ter a posibilidade de mellorar e seguir aprendendo"

Buscando a visibilidade 

A música académica galega adoita ter menos visibilidade e menos apoios que outros xéneros, e a AGC é consciente de que, no comercial, xoga nun terreo complicado. Segundo Seráns “o que nós propoñemos non vende tanto. Todos os xéneros son necesarios, mais a nosa parcela precisa dun público un pouco máis consciente e formado e non vivimos nunha sociedade que invite demasiado á reflexión. Por outra parte, a música académica está presente en moitas frontes: bandas, música de cámara, orquestras... Existe un abano importante, mais falta unha dirección que coordine o traballo, que se establezan obxectivos comúns para que todos poidamos avanzar, e nese sentido si que se precisaría un pouco máis de apoio institucional”. 

Se a música académica, en xeral, goza dun predicamento moi limitado en comparación con outros xéneros, a composta por creadores e creadoras galegas padece unha especial postergación: apenas teñen cabida nos repertorios das orquestras. “Na Galiza temos dúas grandes orquestras que están entre o mellor do Estado e eu atreveríame a dicir que entre o mellor de Europa”, asevera Seráns, “mais non lle prestan demasiada atención á música composta aquí. Si hai algunhas estreas, mais case sempre se trata dos mesmos autores, e as posibilidades non acaban aí, hai moito onde elixir. Desde a Asociación non vemos que se atendan demasiado as nosas propostas. En breve nos reuniremos coas direccións artísticas das orquestras para ver como canalizamos ese tema. As obras precisan confrontarse co público non só para ter difusión no propio país, senón tamén para ver como funcionan ante un auditorio e ter a posibilidade de mellorar e seguir aprendendo. O que non pode pasar é que nin sequera se valore a posibilidade de programalas, porque esas orquestras están pagadas con diñeiro de todas e todos”. 

O mesmo pode dicirse das obras clásicas do repertorio galego: o público ten poucas oportunidades de coñecer a historia da música galega, malia a crecente revalorización de moitas das obras que constitúen o canon. “É un repertorio que está editado e que está ao alcance de calquera orquestra que queira interpretalo, mais apenas se interpreta. É un tema preocupante para a nosa cultura”. 

Existe un problema cultural grave: cando unha banda ten que pagar un diñeiro por unha partitura dun compositor de fóra, non ten reparos en facer un desembolso grande. Porén, se se trata de pagar por unha obra galega, utilízase a escusa do orzamento

Axudar a musica galega 

Seráns, que ten unha grande experiencia no campo das bandas de música -que seguen a ser o principal campo de formación dos intérpretes do noso país- apunta a outro elemento que dificulta a difusión da música culta: “Vivimos nunha cultura que está moi pouco afeita a pagar dereitos, a pagar polas partituras. Nas bandas, vívese moito da fotocopia, e hai que ser consciente de que detrás dunha partitura está o traballo dunha persoa que merece ser recoñecida e recompensada. E ademais, existe un problema cultural grave: cando unha banda ten que pagar un diñeiro por unha partitura dun compositor de fóra, non ten reparos en facer un desembolso grande. Porén, se se trata de pagar por unha obra galega, utilízase a escusa do orzamento. Desde a Administración poden darse pasos. Sería interesante, por exemplo, que cando se redactan as bases de concursos, a Xunta esixise unha porcentaxe de obra galega elevada.  No certame de bandas, esixíase que a obra de apertura fose un pasodobre galego e, grazas a iso, aflorou unha morea de pasodobres que permanecían ocultos. Seguir un patrón parecido noutros campos podería ser de grande utilidade para recuperar un repertorio de grande entidade que non acaba de chegar ao público".

A música necesaria na globalización

Malia todos os obstáculos, a música composta na Galiza interesa cada vez máis fóra das nosas fronteiras, e os premios e os encargos medran en número e en calidade. Seráns cre que "vivimos na era da globalización e hoxe as persoas que compoñen teñen moita información sobre o que está sucedendo en todas as partes do planeta, sobre a música que se está a escribir en todo o mundo. Se cadra, o que falta é que existan alicientes para, despois de admirar as tendencias e correntes que se suceden, intentar traelas ao noso terreo, pensar como ese coñecemento do alleo pode reverter nunha actualización da nosa tradición. Noutros terreos musicais, iso xa se está facendo: as Tanxugueiras non deixan de ser un pouco iso, e o interese que espertan fóra é evidente". 

Comentarios