A Asociación de Actores e Actrices lamenta a capa de El Correo Gallego sobre a morte de Ernesto Chao

A Asociación de Actrices e Actores de Galicia, da que fan parte máis de 300 profesionais, emitiu un comunicado en que critica a “lamentable falta de respecto” e “o golpe ao rigor” de El Correo Gallego ao informar da morte do actor Ernesto Chao. O xornal compostelán publciou na capara o seguinte titular: “Morre Ernesto Chao, o actor que El Correo rescatou do esquecemento para convertelo en Miro Pereira”.
 

ernesto chao como albor en fariña
photo_camera Ernesto Chao nun dos seus últimos papes: como Xerardo Fernández Albor en 'Fariña'. Foto: cedida.

“Transmitimos o enorme malestar -só comparábel na súa magnitude á inmensa incredulidade- que espertou na nosa profesión e na sociedade a citada portada”, expón a xunta directiva da asociación que o propio Chao contribuíu a fundar en 1985 e da que foi presidente entre 2016 e 2017, “a cal só podemos definir, sendo mornos, como desafortunada, irrespectuosa e ofensiva”.

cuberta El Correo

Ao tempo, esténdese sobre a inxente traxectoria profesional de Ernesto Chao (Ribadavia, 1943–Compostela, 2018), “que se iniciou cando todo estaba por inventar, a finais dos sesenta, cando, con outras compañeiras e compañeiros, impulsou as asociación cultural Abrente e puxo en marcha as históricas Mostras de Teatro de Ribadavia”.

O seu paso por Artello -unha das primeiras compañías teatrais profesionalizadas-, a súa implicación na constitución do Centro Dramático Galego -que logo dirixiu-, a compañía fundada coa súa compañeira Rosa Álvarez Lagarta, lagarta ou a innúmera serie de premios obtidos polas súas intepretacións son outros dos fitos da súa biografía. “Sen persoas comprometidas como Ernesto Chao non existiría esta a nosa profesión”, considera.

“A súa portada implica desprestixio para a profesión xornalística en xeral e para a súa cabeceira en particular”, engade a Asociación de Actores e Actrices no comunicado remitido aos medios de comunicación, “agardamos que portadas así queden relegadas ao esquecemento, alí onde nunca estivo nin estará o noso compañeiro Ernesto Chao”.

Nota: imaxe da cuberta de El Correo Gallego criticada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Comentarios