martes 28/09/21

A Asociación de actores lamenta os “atrancos” na nova produción do CDG e cuestiona o procedemento de selección

A AAAG fala de “descontento xeralizado” na profesión diante do proceso ao tempo que afirma que recibiu numerosas de reclamacións de asociados seus ao respecto de “presuntas irregularidades que se estarían a producir na selección de intérpretes”.

Centro Dramático Galego

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que aglutina a perto de 300 profesionais, lamenta nun comunicado os “atrancos” que afirma que está a vivir a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) `Martes de Carnaval’, tras as dimisións de tres membros do tribunal do concurso público desenvolvido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre as persoas que dem itiron figura Tito Asorey, quen ía dirixir ‘As Galas do defunto’ (unha das dúas partes nas que se configura a produción Martes de Carnaval). Nun comunicado Aslorey argumentaba que os motivos da súa dimisión proceden da “falta de acordo coa administración” en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe, xa que a aplicación deste proceso “dificultaba enormemente” o proceso artístico do propio Asorey como director.

Ante estes feitos,  a AAAG lamenta os “atrancos que se están a producir nesta montaxe”. Cuestiona, “unha vez máis”, o proceso de selección que a Agadic impuxo para o CDGpois considera que “non é o máis axeitado” para unha institución coma esta, ao non ter en conta “as particularidades laborais e artísticas dos actores e actrices e directores e directoras, tal e como indica Asorey no seu comunicado”.

AAAG lembra que transmitiu en diversas ocasións á directora do CDG, Fefa Noia, e ao director da Agadic, Jacobo Sutil, estas preocupacións así como as posibles consecuencias.

“Descontento xeralizado”

A Asociación afirma que “detectou o descontento xeneralizado que existe na profesión” diante do proceso “e en base a multitude de reclamacións que recibiu por parte dos seus asociados ao respecto de presuntas irregularidades que se estarían a producir na selección de intérpretes no citado proceso”. Por isto, solicitou explicacións ao director do Agadic. “Consideramos que a Agadic non cumpriu  coa necesaria transparencia e evitou ofrecer explicacións públicas das dimisións, así como as razóns que as motivaron”.

Insta Agadic a dar "explicacións públicas oportunas e suficientes". Así mesmo, agarda un compromiso firme da Agadic para que esta sexa “a derradeira ocasión en que se desenvolva un concurso destas características” e que a partir de agora se procure entre todos “un novo modelo que satisfaga a todas as partes implicadas: actores e actrices, directores e directoras e a propia administración” 

comentarios