A Asociación de Actores e Actrices denuncia o esmorecemento do CDG

“Esmorecemento, baixa contratación, reducida produción, escasa distribución e burocratización”. Eis o diagnóstico da situación do Centro Dramático Galego que, nun comunicado difundido esta sexta feira, fai a Asociación de Actores e Actrices de Galiza.
 

CDG

A agrupación, de carácter sindical e que xunta “gran parte da profesión da intepretación e a dirección escénica en Galiza, realiza este posicionamento xusto cando a compañía pública acaba de anunciar a súa nova produción, Neorretranca e posmorriña -dirixida por Gena Baamonde a partir de textos de Esther F. Carrodaguas e Roi Vidal Ponte-, que se estreará o vindeiro abril.

“Amosamos a nosa procupación pola baixa contratación de intépretes e a escasa produción”, sinala a Asociación a respecto da “dinámica marcada para o CDG pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)”. Que decretou un único espectáculo por ano con elencos de dez intérpretes. “Isto non responde nin ás necesidades di público nin ás expectativas do sector, e moito menos ás funcións da institución”, engade o sindicato.

Este “custiona a convocatoria do proceso de selección” de actores e actrices para Neorretranca e posmorriña. “Este tipo de procedementos, sometidos ás normas da función pública xeral, non se adecúan á realidade do noso sector”, critica, como vén facendo reiterdamente, “nin á dimensión creativa do feito artístico e pasa por alto as particularidades laborais e artísticas do sector”.

A Asociación de Actores e Actrices xa denunciara convocatorias semellantes para Martes de Carnaval e Divinas Palabras Revolution. “Nesta externalizouse a contratación dos dous protagonistas e os outros sete decidíronse en libre concorrencia. Fixemos públicas presuntas irregularidades pero non en defensa deste marco legal, senón para evidenciar a imposibilidade da súa aplicación no noso ámbito laboral e, ao tempo, esixirmos unha solución”, di a nota.

Segundo o gremio, estes problemas na escolla dos elencos son “unicamente unha mostra, a máis visíbel, dunha burocratización que entorpece e asfixia o normal funcionamento da institución”. A asociación recorda que trasladou a Agadic -a entidade da Xunta da que depende o Centro Dramático- “todas estas procupacións e necesidades urxentes”. A mesa de negociación que se habilitou entre diferentes agrupacións das artes escénicas e a Xunta “obviou calquera debate que non se referise en exclusiva á selección de elencos e non buscou unha solución consensuada para unha institución con máis de 30 anos de historia”.

“É responsabilidade da Consellaría de Cultura, a través de Agadic, procurar unha solución que garanta o futuro do CDG”, conclúe a Asociación de Actores e Actrices de Galiza.

Comentarios