Esixe “refundar” a institución

A Asociación de Actores e Actrices alerta das externalizacións do CDG

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza vén de emitir un comunicado en que critica duramente a actual e “grave” situación do Centro Dramático Galego (CDG). Esmorecemento da súa actividade, un principio de externalización, a mingua na contratación de intérpretes, a escasa distribución e a desconexión do público son os eixes que sosteñen un documento que esixe a “refundación da institución”.
 

martes de carnaval
photo_camera 'Martes de carnaval', producida polo CDG baixo dirección de Marta Pazos.

“A burocratización e a falta de vontade política da administración para cambiar o rumbo da institución crea perigosos precedentes”, afirma a asociación sindical que xunta máis de 300 actores e actrices. Refírese á xestión contractual de Divinas Palabras Revolution, a obra que o CDG estreou a pasada semana.

“A Plataforma de Contratación da Xunta publicou a contratación da dirección, dramaturxia, tradución e intepretación de protagonistas do espectáculo por procedemento negociado sen publicidade, por exclusividade, cunha entidade única e determinada, Chévere Producións, S. L.”, explica, “e estabelécese un réxime contractual diferente para unha parte do equipo, no que se inclúe os protagonistas”.

A relación laboral, esténdese, “non se traba entre Agadic [da que depende o Centro Dramático] e os profesionais, senón que é Agadic quen contrata os servizos dunha empresa que estabelecerá relacións laborais cos profesionais”. Para a Asociación de Actores e Actrices, isto significa “externalización”: “É dubidoso que esta obra poida ser considerada unha obra do CDG”.

"Elencos reducidos"


Mais as disensións co estado actual da institución pública de teatro van moito máis alá. Os “elencos reducidos nos espectáculos” -malia matizar que na etapa de Fefa Noia medraron- “palidecen en comparanza con montaxes do pasado e mesmo coa actividade de determinadas compañías privadas”. “O CDG, como institución pública, debe chegar onde non chega a iniciativa privada”. Das dúas ou tres montaxes por tempada de épocas anteriores pasouse a unha por ano. "A súa actividade vai quedando diluída", engade.

Tamén cuestiona a redución da distribución dos seus traballos, e coloca como exemplo Martes de Carnaval, cuxa “xira por Galiza se limitou a sete escenarios fóra da sede compostelá”. A burocracia, engade, afecta ao funcionamento do Centro Dramático: “A súa máxima expresión reside nos procedementos de selección de elencos, baseados no criterio da pública concorrencia e sometidas a normas da fuinción pública que non se axustan á realidade da profesión”.

O comunicado da Asociación de Actores e Actrices remata cun chamado a dotar o CDG “de entidade xurídica propia, con autonomía real e orzamento de seu”. A maiores, esixe revisar o sistema de coproducións e residencias, reformular os mecanismos de distribución ou procurar proecesos de selección de elencos que combinen “a necesaria liberdade creativa do director ou directora coa igualdade de oportunidades dos intérpretes de acceder a montaxes do CDG”.

“Precísase”, conclúe o texto, a refundación dunha instuticón con máis de 30 anos de historia e que naceu da vontade política e do pacto entre a Administración e a profesión”.

Comentarios