Mostra de fotos en Cambados

Así vía Irlanda Plácido Castro

Corenta e cinco fotografías tomadas durante unha viaxe en 1928 recollen a ollada de Plácido Castro (Corcubión, 1902-Cambados, 1967), xornalista e tradutor, sobre Irlanda, cuxa República acababa de se independizar. Unha exposición que xa pasou por Vilagarcía de Arousa pódese ver a partir desta quinta feira, 8 de agosto, en Cambados.
plácido castro
photo_camera Imaxe de Irlanda tomada por Plácido Castro en 1928. Foto: cedida.

Exposalnés acolle A Irlanda de Plácido Castro. “Un galego séntese aquí máis perto da súa Terra ca en moitas rexións que só distan de Galiza uns centos de quilómetros”, escribiu Castro. Aquela visita á illa serviulle non só para rexistrar as imaxes que agora se poden ver na mostra. Tamén redactou seis crónicas para o xornal El Pueblo Gallego.

“Non se pode entender, pois, a figura de Plácido Castro prescindido do seu amor e admiración por Irlanda”, sinalou Xulio Ríos, secretario da Fundación Plácido Castro, na apertura da exposición en Vilagarcía o pasado mes de xuño. Ademais están as fotografías, un álbum fotográfico que a familia de Castro gardou durante anos.

O intelectual galeguista, próximo ás Irmandades da Fala e despois membro do Partido Galeguista, chegou a Irlanda acompañado do doutor Flower -máximo experto do British Museum en cuestións celtas. Ambos os dous achegáronse até as illas Basket, sobre as que Gerald Hayes documentou un catálogo de grandes viaxeiros ás mesmas que inclúe imaxes tomadas por Castro.

A Irlanda de Plácido Castro organízaa a fundación e mais o Concello de Cambados, e conta coa colaboración da Xunta e Exposalnés.

Comentarios