Así vai ser a apertura gradual en espectáculos e eventos culturais: rexistro de asistentes e 30% de capacidade

Este tipo de actividades arrincan esta cuarta feira a desescalada.

teatro_EuropaPress
photo_camera (Foto: Europa Press)

Os cinemas, teatros, auditorios, congresos e outras actividades similares poderán retomar a súa actividade na Galiza a partir desta cuarta feira, mais deberán levar un rexistro de asistentes con información de contacto de cada un deles para, no caso de que apareza un foco de Covid, polo a disposición das autoridades sanitarias.

Así o establece a orde da Consellería de Sanidade publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) a última hora da segunda feira, mesmo día en que o comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia da Covid acordou o inicio da desescalada en actividades culturais, deportivas e o comercio, entre outros sectores.

En concreto, o texto recoller no DOG permite a reapertura de cinemas, teatros, auditorios, congresos e similares, así como recintos ao aire libre para espectáculos públicos e actividades recreativas, pero cun máximo do 30% da capacidade permitida, que non deberá superar as 250 persoas en espazos fechados e os 500 en abertos.

Ademais, a orde de Sanidade recolle a novidade de que estes recintos deberán manter un rexistro de asistentes cos seus teléfonos de contacto, que custodiarán "durante un mes" tras o evento que se trate e sempre "cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal".

Planificación

As persoas que acudan ao espectáculo terán que permanecer sentadas, manter a distancia de 1,5 metros -agás que sexan conviventes- e levar máscara en todo momento. Así, coa finalidade de evitar aglomeracións, a distribución das butacas será "homoxénea" e haberá unha planificación "axeitada" para controlar os accesos e a circulación dos asistentes.

As instalacións cubertas terán que ventilarse polo menos 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de maneira frecuente e obrigatoriamente ao final de cada actividade. Se se utilizan sistemas de ventilación mecánica, estes non poderán empregar a función para recircular o aire interior, senón que deberán fornecer aire fresco.

En canto a congresos, encontros e actos similares nos que os asistentes non permanezan sentados en todo momento, terán que contar coa autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública, á que haberá que comunicar a data, as actividades a realizar e as medidas organizativas e de seguridade sanitaria. De feito, os titulares ou promotores, sexan públicos ou privados, terán que achegar un plan de prevención de contaxios.

Bibliotecas, museos e arquivos

Así mesmo, a desescalada que principia esta cuarta feira tamén permitirá a reapertura de bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións, monumentos e outras instalacións culturais, nas que a capacidade tamén estará limitada ao 30%.

Nas actividades que se realicen por grupos, estes serán de até catro persoas -sen contar o monitor ou guía- e entre aquelas que non sexan conviventes deberá haber a preceptiva distancia de seguridade.

Comentarios