[VÍDEO] Así soa 'Diluvio', o novo disco das Tanxugueiras que busca "rachar co estabelecido"

O álbum está composto por doce temas, dous deles instrumentais, e conforma un percorrido "desde a tormenta até a quietude".
Detalle do novo disco das Tanxugueiras, 'Diluvio'. (Foto: Neelam Khan Vela)
photo_camera Detalle do novo disco das Tanxugueiras, 'Diluvio'. (Foto: Neelam Khan Vela)

Este 29 de xullo sae á venda o terceiro disco das Tanxugueiras, Diluvio, un traballo "conceptual" que propón "rachar co estabelecido para sandar e volver aprender". O álbum conta cunha edición deluxe na súa versión física que inclúe un pequeno libro ilustrado no que as artistas explican o significado desde 'diluvio'.

"Somos cantareiras. O noso instrumento principal é a voz, mais tamén nos acompañamos de elementos tradicionais, como as pandeiretas ou as latas de pimentón, e de instrumentos máis modernos, como os sintetizadores ou a percusión electrónica", explicaron Olaia e Sabela Maneiro e máis Aida Tarrío.

Após máis dun ano publicando a modo de adianto algúns dos doce temas que compoñen este disco, "cunha clara intencionalidade para as e os ouvintes", as Tanxugueiras xúntanos para artellar "unha viaxe desde a tormenta até a quietude".

Este percorrido nace con Treboada, o tema instrumental que abre o álbum, e continúa con Arica, que salienta a "naturalidade fronte á soberbia e o artificial". De "aceptar quen somos" vai Desidia, o seguinte na lista.

A xenerosidade fronte á avaricia de Midas e o canto ao amor libre e a diversidade presente en Pano Corado proseguen o álbum. Con Sorora o trío de pandeireteiras enxalzan o 'matriarcado' propio da Galiza, unha canción que enlaza con Seghadoras, dedicada ao empoderamento, "para crer e loitar polo propio".

O tema que compuxeron xunto ao rapeiro Rayden, Averno, "fala da aceptación que avanza contra a ira", mentres Figa, coñecido polo público desde o pasado ano, canta contra a envexa e a prol da autoaceptación.

Fame de odio aposta na diversidade e a beleza de todos os corpos e Terra pretende amosar "que vivimos nun mundo heteroxéneo, repleto de particularidades e de esencias, no que non hai fronteiras". Fecha o álbum Acougo, outro tema instrumental que chama á calma e a reflexión. "A fin do diluvio, da vida alterada. É o círculo que se fecha, o percorrido da vida", precisan.

Comentarios