Novo libro no 50 aniversario da morte do celanovés

Aser Álvarez recupera do esquecemento os escritos do "libertador" Xosé Velo

O enorme legado político de Xosé Velo pode verse agora nos seus propios escritos. Un libro escolma poemas, ensaios e textos teóricos de quen fora o cerebro do secuestro do 'Santa María', coincidindo coa recuperación do seu espolio, agora custodiado polo Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Aser Álvarez mostra a escolma de textos de Xosé Velo. (Foto: Olivia AV)
photo_camera Aser Álvarez mostra a escolma de textos de Xosé Velo. (Foto: Olivia AV)

Xosé Velo (Celanova, a Galiza, 1916-São Paulo, o Brasil, 1972) era coñecido por liderar o secuestro do navío portugués Santa María para chamar a atención sobre as ditaduras portuguesa e española. Pouco máis sabiamos del, e o silencio da cultura oficial nunca axudou. Grazas ao traballo de Aser Álvarez, á fronte de Arraianos Producións, hoxe coñécese moito máis non só sobre o seu papel determinante naquel secuestro -ás veces escurecido por versións que non se correspondían exactamente co sucedido- senón que descubrimos unha figura infatigábel na súa militancia antifascista que, ademais, cultivou a poesía e o ensaio, colaborou co exilio e coas asociacións galegas de Venezuela e o Brasil, fundou unha libraría e unha editorial e, en fin, nunca deixou de traballar a prol dunha sociedade máis xusta.

En abril saíu do prelo Xosé Velo. Textos escollidos, un volume -editado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, que dirixe María Ortega- que culmina o proceso de recuperación da súa figura levado a cabo por Álvarez desde hai dez anos e que supón a "exhumación e a fixación" de textos inéditos de Pepe Velo dos que "só quedaban os restos do naufraxio", explica Aser Álvarez a Nós Diario.

"Este é un volume fundamental", acrecenta Álverez, porque nos permite, por fin, cincuenta anos despois da súa morte, fixar textualmente a obra de Velo, tanto a literaria como a ensaística. Hai poemas con moita forza, discursos políticos, ensaios e unha especie de autobiografía política -o célebre Morra España, viva Hespaña- no que debruza a súa pulsión iberista, que se traducía nun achegamento a Portugal, no lingüístico e no cultural".

O iberismo e Portugal

Efectivamente, o centro do libro pode situarse neste texto no que se ve a súa proximidade co pensamento iberista, "que era algo máis ou menos habitual nos anos 30. E máis para unha persoa como el, que nacera en Celanova e que mantiña un contacto moi próximo con Portugal. Pero tamén coa ideoloxía de Castelao, coa convicción que tiña sobre o potencial xeopolítico do achegamento á lusofonía", declara Álvarez.

"O seu proceso de adopción dunha lingua próxima ao portugués vén de aí, e ese texto, que reflicte un convencemento ideolóxico, vese logo ratificado na práctica, cando pasa a morar no Brasil", explica. "Nese sentido, hai unha carta que lle envía a Academia Galega que é case visionaria, en canto que adianta temas que logo teorizarían persoas como Carvalho Calero, Paz Andrade e outros, pero el faino desde unha perspectiva práctica, vital, desde o momento en que aterra no Brasil", engade. "Había, evidentemente, un proceso reflexivo, mais sobre todo unha experiencia que o confirmaba".

Vocación de poeta

Mais o libro, ademais de textos de combate, tamén recolle parte da súa obra lírica. Segundo Aser Álvarez, "a súa verdadeira vocación era ser poeta, pero o certo é que o seu compromiso non lle deixou desenvolver esa parte da súa obra. Vivía nun perpetuo estado de emerxencia, no que sempre había outras tarefas que resolver".

Esa pulsión poética mantívose ao longo de toda a súa vida. "E parecíanos moi interesante que se coñecesen estes textos. Houbo un primeiro intento de editar a obra poética de Velo levado a cabo por Paz Noya que non chegou a materializarse. E el contaba con editar a súa propia obra nesa etapa cando fundou a libraría Nós, no barrio de Paraíso, e a editora Galicia Ceibe, mais a súa morte non lle permitiu acabar o traballo. Dalgunha forma, sentimos que estamos a rematar o que el comezou".

Un espolio recuperado

Xosé Velo. Textos escollidos culmina tamén un traballo de recuperación do seu espolio, que fai parte agora do formar parte dos fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

"Foi un traballo complexo porque os escritos de Velo estaban moi dispersos e conservábanse de maneira moi fragmentaria. Neste sentido, a colaboración de Víctor Velo, fillo de Xosé e última persoa viva das que participaron no secuestro do Santa María. O libro inclúe un texto seu no que ofrece a súa versión do sucedido naquela operación, que difire doutras que Velo "nunca quixo entrar a discutir publicamente para non deslucir con polémicas o éxito que obtivera".

"En realidade, o éxito que poida ter este proceso, o que nos gustaría conseguir, é que as xeracións máis novas poidan coñecer a obra e a vida de Xosé Velo", remata Álvarez. "Se cadra, queda en mans de futuros estudosos unha edición crítica -que sería o desexábel- dos seus textos completos, mais eu creo que os recollidos neste libro permiten albiscar gran parte do espírito e das ideas deste home extraordinario".

O cineasta ultima a mostra 'Love Velo'

O traballo de recuperación da figura e da obra de Xosé Velo levado a cabo por Aser Álvarez e a súa produtora Arraianos non remata coa recuperación do espolio e a edición deste libro. Ao longo dos últimos anos, Álvarez asinou varios documentarios que tratan diferenters facetas da vida de Velo, entre os que se contan Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra ou Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María. Pero ademais, Arraianos organiza toda unha serie de actos e actividades que conmemoran o cincuentenario do seu pasamento. O vindeiro 28 de xullo, por exemplo, inaugurarase unha exposición de carácter didáctico, 'Love Velo, no salón dos Arcos do Concello de Celanova, "que esperamos poder levar a outras partes da Galiza, especialmente a centros educativos, para que a mocidade coñeza e valore como merece a obra de Velo".

Comentarios