Aser Álvarez presenta un documental sobre Elías Valiña, o crego do Cebreiro

O Cebreiro acolle a preestrea da peza audiovisual.
Aser Álvarez, á dereita, durante a rodaxe do documental. (Foto: Arraianos Producións)
photo_camera Aser Álvarez, á dereita, durante a rodaxe do documental. (Foto: Arraianos Producións)

Esta sexta feira decorrerá na Igrexa de Santa María do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) a preestrea do documental Elías Valiña. O inventor das frechas amarelas. A peza audiovisual foi dirixada polo documentalista Aser Álvarez, baixo a produción do colectivo Acude Rural, que contou co apoio de Arraianos Producións.

Con 40 minutos de duración, a obra repasa a vida e obra de Elías Valiña, crego do Cebreiro que xogou un "papel esencial"  como "precursor do asociacionismo xacobeo, pioneiro nos estudos e na sinalización do Camiño de Santiago, así como un actor fundamental no rexurdimento contemporáneo do fenómeno das peregrinacións a  Santiago de Compostela".

Unha vida dedicada ao Camiño de Santiago

Elías Valiña Sampedro naceu no ano 1929 na parroquia de Lier, no concello de Sarria. Con 12 anos entrou a estudar no Seminario de Lugo, onde rematou os seus estudos en 1953. Para completar a súa formación, Valiña ingresou na Facultade de Dereito Canónico na Universidade Pontificia de Comillas, en Madrid, acabando os estudos en 1959.

Nese mesmo ano, foi destinado a Pedrafita do Cebreiro para  ocupar o  cargo de crego na igrexa parroquial. Alí comezou un labor de dinamización da comarca, "buscando mellorar a calidade de vida dos seus habitantes ao mesmo tempo que axudou os poucos peregrinos do Camiño que nese momento pasaban polo Cebreiro cara a Santiago", segundo explica Acude Rural nun comunicado de prensa.

Labor de investigación e divulgación

Elías Valiña converteuse no principal investigador e divulgador do Camiño de Santiago, "recuperando tramos perdidos polo paso do tempo e realizando as cartografías das rutas para axudar os peregrinos".  Ademais, marcou con frechas de cor amarela o camiño estabelecido desde Roncesvalles.

O crego sarriao tamén publicou unha guía dos peregrinos, "un pequeno boletín pensado para que os camiñantes levasen consigo ao facer as rutas e que contivese toda a información que estes precisaban". O Cebreiro converteuse nun dos puntos de referencia das rutas xacobeas e as frechas amarelas de Elías Valiña nun símbolo universal recoñecido.

Comentarios