Un documental sobre a herdanza do priscilianismo segundo Ramón Chao

Aser Álvarez leva ao cinema o camiño de Prisciliano

"Prisciliano era un altermundialista: cría que outro mundo era posíbel, que os valores da xustiza social, da igualdade e do respecto ao medio natural poden rexer a sociedade dunha maneira máis eficaz que a orde que temos actualmente". Así lle explicaba Antoine Chao, fillo de Ramón Chao, a un vello comunista francés, en que consistía o último proxecto de Aser Álvarez: un documental sobre Prisciliano seguindo os pasos de Ramón Chao.

Vitorino Pérez Prieto diante da Porta Nigra de Tréveris, durante a rodaxe do filme.
photo_camera Vitorino Pérez Prieto diante da Porta Nigra de Tréveris, durante a rodaxe do filme.

En 1999, Ramón Chao publicaba o seu libro Prisciliano de Compostela. O heresiarca galaico-romano cuxa doutrina, malia ser contundentemente condenada pola Igrexa, tivo un enorme seguimento na Galiza durante séculos, fora unha das teimas do escritor e xornalista de Vilalba. Agora, un filme de Aser Álvarez reconstrúe o camiño de Prisciliano a través das pegadas de Ramón Chao, unha road movie que une ambas figuras a través dos séculos e que afonda na memoria do priscilianismo na cultura galega. 

“Este era un vello proxecto que eu tiña con Ramón Chao”, explica Aser Álvarez en conversa con Nós Diario. Cando fixen a película sobre Celso Emilio Ferreiro (100% Celso Emilio Ferreiro, 2012), el quedou moi impresionado con ela e axudoume a mostrala no Instituto Cervantes de París. Eu xa lera o seu libro e comentei algo sobre a necesidade de facer un documental sobre Prisciliano e sobre a súa relación co Camiño de Santiago, recreando o itinerario que describe no libro, e a el encantoulle a idea. A partir dese momento, comezamos a argallar o proxecto, mais como é frecuente nestes casos, as cousas foron alongándose e, finalmente, el caeu enfermo e o filme, tal e como o pensáramos, xa virou imposíbel”. 

Álvarez sentiu que aquel filme era unha materia que seguía tendo pendente e, cando a Área de Cultura da Deputación da Coruña convocou as axudas para proxectos singulares, viu a ocasión para materializalo. Falou cos fillos de Ramón Chao, Manu e Antoine, e a película púxose en marcha. “No momento en que soubemos que Manu Chao ía dar un concerto en Vilalba, o proxecto comezou a cobrar forma. Pareceunos o inicio perfecto para o documental, e a música de Manu, unha banda sonora inmellorábel para o camiño de Prisciliano”. 

O filme dialoga con moitos materiais do arquivo de Ramón Chao, documentais, fotográficos e sonoros. "A súa actitude sempre foi moi punk, mesmo cunha idade moi avanzada sempre mantivo un espírito mozo que o levaba a transgredir normas. Gravou un programa de radio sobre Prisciliano, por exemplo, en plena misa do peregrino na Catedral de Santiago. Este filme trata de renderlle homenaxe da forma en que a el lle tería gustado: dun modo fresco, divertido e onde acontecen cousas sorprendentes". 

 

Relectura contemporánea 

Moitos estudosos sosteñen que o camiño de Santiago ten a súa orixe na biografía de Prisciliano e mesmo que é este quen realmente está enterrado na Catedral de Compostela, traído polos seus discípulos despois de ser decapitado en Tréveris, mediante un decreto do emperador Magno Clemente Máximo, por herexía e bruxaría. 

 "O tema de Prisciliano é incómodo e mesmo ten algo de tabú, eu diría que porque somos moi pouco civilizados. O camiño de Prisciliano xa existía antes do camiño de Santiago, mais probabelmente antes de Prisciliano xa existía un camiño anterior, o da vía láctea, que levaba até o fin da terra. E todo isto enriquece extraordinariamente o relato. Precisamente iso era o que vía Ramón Chao nesta historia: esta historia non supón unha ameaza para o fenómeno xacobeo, ao contrario, potencia aínda máis o mito. Cando decapitan Prisciliano, matan o home, pero dan nacemento a un mito que perviviu, con altibaixos, até os nosos días". 

O filme recupera a relación mantida entre Ramón e o seu irmán, o teólogo Xosé Chao, que traballaba de forma paralela, sobre Prisciliano; dialoga co tamén teólogo Vitorino Pérez Prieto, autor de varios títulos sobre o priscilianismo; e saca á luz a actividade da Asociación Amigos de Prisciliano, "fundamental para a realización deste proxecto". 

O documental visa a ser unha relectura contemporánea do libro de Ramón Chao e da propia historia de Prisciliano sen ningún tipo de complexos. Nese traxectos, a equipa de rodaxe atopou dous elementos moi interesantes: por un lado, a novela do escritor portugués Alberto Santos O segredo de Compostela, que recupera a figura de Prisciliano en Portugal e que se transformou nun best seller no país veciño; por outro, o contacto que estabelece unha equipa da canle de televisión Arte France que está realizando un documental sobre as mulleres que ofician a liturxia dentro da Igrexa católica, unha reivindicación do propio Prisciliano. 

"Ás veces, ao ser testemuñas destas casualidades, temos a sensación de que é o propio Chao o que está movendo os fíos desde algunha parte", di Álvarez entre risas. "Mais o certo é que o interese contemporáneo sobre Prisciliano vén de que o motivo polo que foi asasinado era defender uns valores de plena actualidade". 

Nese sentido, o director lembra conversas mantidas con Roberto Vidal Bolaño -cuxa obra As actas escuras, que trata o mito xacobeo, foi censurada durante anos- sobre a continuidade da historia. "A Porta Nigra de Tréveris, onde foi axustizado Prisciliano -Otero Pedraio dicía que hai sangue galego na porta de Tréveris- está situada xusto ao pé da casa natal de Karl Marx. E Vidal Bolaño exclamaba: esa foi a semente do Marx que coñecemos".  

Comentarios