Xornadas sobre mediación no Consello da Cultura

As vías de acceso á cultura

O “conxunto de técnicas e metodoloxías que buscan facilitar o acceso da cidadanía á cultura ou propiciar a súa participación no feito creativo” é a definición de “mediación cultural” segundo o ensaísta Marcos Lorenzo. Lorenzo coordina sobre a cuestión unhas xornadas para o Consello da Cultura Galega que comezan o 9 de abril.
 

jaron rowan
photo_camera O ensaísta Jaron Rowan, un dos participantes nas Xornadas sobre Mediación Cultural do Consello da Cultura Galega. Foto: cedida.

“A mediación cultural é un concepto polisémico que remite a un conxunto de prácticas que buscan facilitar o acceso a un determinado coñecemento cultural (artístico, patrimonial, antropolóxico) por parte de persoas non expertas na materia”, definen desde a organización dos encontros. As vías para a cultura son múltiples, singulares, e afectan a museos, centros cívicos, teatros, proxectos culturais, etcétera.

As xornadas do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela, que se estruturan en catro días diferentes, servirán, en palabras de Lorenzo, “para debater sobre esta cuestión e ao tempo para coñecer as mellores prácticas de mediación cultural da península”.

O 9 de abril será a primeira mesa das catro programadas. Reflexionará sobre “a longa bagaxe da animación sociocultural e as novas tendencias que se derivan da cultura colaborativa e das redes dixitais”. Participarán Jaume Colomer, profesor da Universidade de Barcelona e un dos introdutores da animación sociocultural en España; Jaron Rowan, ensaísta e “unha das voces máis suxestivas e desafiantes do panorama cultural actual”; Alberto García, técnico de cultura do Concello de Boiro, acaso o Concello galego coas prácticas “máis avanzadas en participación cultural”, e Ana Moreiras, coordinadora do festival audiovisual Olloboi.

“O obxectivo central das Xornadas de Mediación Cultural é trazar unha panorámica e estimular o debate sobre aquelas disciplinas académicas ou profesionais que se centran en facilitar o acceso da cidadanía á cultura ou en propiciar a participación cidadá no feito creativo”, resumen desde o Consello da Cultura.

Comentarios