Aser Álvarez documenta o proceso creativo do escultor

As procuras de Francisco Leiro

Das súas mans nacen figuras humanas. Ás veces colosais, ás veces de interior, sempre como arrincadas da materia: da pedra, da madeira. Expresan abraio, aceptación, inquietude, axitación. Respiran. Imaxinan. As esculturas de Francisco Leiro (Cambados, 1957) son tamén arte pública en vilas e cidades de Galiza e o exterior. O libro DVD Sísifo confuso explica “os traballos e os días” dun artista fundamental.
 

sísifo confuso 1
photo_camera Fotograma de 'Sísifo confuso' en que se ve o escultor Francisco Leiro.

Aser Álvarez (Bande, 1976) coñeceu Franciso Leiro durante a rodaxe dun documental sobre Celso Emilio Ferreiro. “Nesa ocasión, estiven no seu estudio da Pantrigueira, entre Cambados e a Illa de Arousa”, lembra, “tocando o pandeiro de Celso Emilio. Houbo empatía. Cando rematei o filme sobre o poeta, decidín facer unha proposta sobre Leiro”.

sísifo confuso 2

Durante dous ou tres anos, Álvarez gravou o escultor no seu medio. Dacabalo entre Cambados, Madrid e Nova York, a cámara seguiuno. “Vese o Leiro pudoroso, lacónico e tímido”, sinala, “pouco a pouco, e totalmente fóra de foco e sen financiamento ningún, fomos realizando unha indagación sobre o seu proceso creativo”.

O que o cineasta Aser Álvarez denomina “condicións obxectivas” do labor de Leiro cos materiais fundamentais, granito e madeiras de castiñeiro ou carballo sobre todo, foron emerxendo no rexistro cinematográfico. O Sísifo que busca as formas dentro do informe para volver comezar quedaba retratado en horas e horas de brutos que, a inicios de 2017, conformaron o documental Sísifo confuso. “Non é unha biografía nin unha presentación da súa obra”, explica a nota de prensa, “senón simplemente unha mostra das condicións mentais e físicas da súa creación”.

Este filme é só unha das pezas derivadas do encontro entre Álvarez e Leiro. As fotografías de rodaxe e varios textos breves completan o proxecto de libro-dvd. “Queriamos unha publicación de referencia sobre o proceso creativo de Francisco Leiro e velaquí está”, di o autor, quen agradece o apoio da Deputación de Pontevedra á iniciativa. Que se presentará esta cuarta feira na libraría Númax, de Compostela, e a quinta feira, 20 de xullo, na praza da Estrela de Vigo. En setembro irá ao Hay Festival en Segovia.

Mais Sísifo confuso. Os traballos e os días de Francisco Leiro non remata en si mesmo. Das imaxes recompiladas por Aser Álvarez acabou por se desprender outra película, O purgatorio de Francisco Leiro. Estrearase no Zinebi de Bilbao en novembro, e recolle unha conversa entre Leiro e o artista vasco, e grande amigo do galego, Txomin Badiola. Nela asístese a “un valioso diálogo” sobre o oficio da escultura centrado no home que un día foi neno e o seu avó levouno de Cambados a Compostela visitar o Pórtico da Gloria e a tumba de Francisco Asorey no Panteón de Galegos Ilustres. “Son escultor por esta cousa da infancia”, contou hai 20 anos ao Faro de Vigo.

Nota: as mans de Leiro nun fotograma de Sísifo confuso.

Comentarios