Ás 20 horas desta cuarta feira na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, nun acto promovido pola Agrupación Cultural Medulio coa intervención do presidente da AS-PG, Xoán Costa, presentarase a curtametraxe I ante aquel silencio mudo, unha iniciativa que se encadra dentro do proxecto da asociación de difundir a imaxe da Rosala “rebelde, rompedora, conscientemente galega”, como define o seu presidente.
“A Rosalía de sempre nunha interpretación actual”, é a lenda da promoción dunha curtametraxe que conta con guión de Millán Castro e Marina Chiavegatto e a participación de dous grandes especialistas na obra e na figura da escritora, Francisco Rodríguez e Pilar García Negro. A música corresponde ao grupo Tempo Catro. Convócanse así tamén os protagonistas e autores doutras dúas iniciativa da AS-PG co fin de afondar e difundir na obra da escritora fundadora da nosa literatura. De Tempo Catro produciron o CD “Os ollos que falan” no que o grupo musica once poemas de Cantares Gallegos nunha visita a unha Rosalía actual e viva, con enerxía e forza diante de temas emocionais e sociais. Ritmos de valse ou fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre para cantar poemas que se achegan á conciencia sobre Galiza ou ao amor e o desamor entre outros temas.
Pola súa parte, o gran investigador na obra e na biografía de Rosalía de Castro Francisco Rodríguez participa tamén neste novo proxecto despois de publicar coa AS-PG o volume Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, un percorrido arredor da persoa e a obra da poeta tamén “de onte a hoxe”.
A curtamentraxe I ante aquel silencio mudo pode adquirirse dirixíndose ao correo [email protected] ou no telefone: 981 27 82 59.