A AS-PG convoca cineastas a elaborar "curtas para Rosalía"

“Curtas para Rosalía” chegan á quinta edición promovendo a creación audiovisual arredor da figura central da literatura galega. A AS-PG convoca este certame ao que se poden presentar traballos até o día 23 de abril.

Fotograma dunha das curtas gañadoras
photo_camera Fotograma dunha das curtas gañadoras

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca por quinto ano consecutivo o certame de curtametraxes “Curtas para Rosalía”, unha iniciativa encamiñada a promover a creación audiovisual arredor de Rosalía e a literatura galega. A convocatoria naceu no ano da conmemoración do 125 aniversario do falecemento de Rosalía e celebrou tamén en 2013 o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Desta volta, a nova edición establece importantes premios de 1.500 € máis diploma para a obra gañadora ademais de establecer un novo galardón conmemorativo da quinta edición co que se recoñecerá á mellor produción da historia do certame. A iniciativa conta nesta nova edición coa colaboración da da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Poderán concorrer ao certame obras con temática rosaliana -arredor da súa obra ou a súa vida ou calquera punto de interese arredor da autora e o seu mundo- mais a convocatoria tamén se abre a curtas centradas en calquera texto da historia da Literatura Galega e a súa tradición oral. 

Unha Comisión Organizadora, designada pola AS-PG será a encargada da xestión do certame, desde a recepción das obras ate organizar as galas de entrega dos premios. A AS-PG designará tamén un xurado que estará composto por relevantes figuras do mundo da cultura galega e do audiovisual.
Os nomes que compoñen tanto a Comisión como o Xurado faranse públicos na web: : http://bitaculas.as-pg.com na entrada Curtas para Rosalía.

Premios de 1.500

Co fin de conmemorar a V edición do Certame, a organización establece dúas categorías de premios, o do xurado á mellor curta da V edición para o que se proporán tres obras finalistas e o Premio do xurado á mellor curta das cinco edicións do certame. Para participar nesta segunda categoría poderán presentarse as obras gañadoras das anteriores convocatorias, en calquera das súas categorías. O importe dos premios será de 1.500 € máis diploma. Ao seren acumulativos, o total pode ascender a 3.000 €.

A duración das obras non poderá exceder os 30 minutos e o  prazo de presentación das obras rematará ás 14 horas do 23 de abril. Cada participante poderá presentar até tres curtas que se adapten ás bases que están publicadas ao completo na páxina da AS-PG. 

Desde a organización do certame entenden que “homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega” e confían nas “potencialidades que se agochan na obra de Rosalía” que, segundo defenden nas bases, “deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe”. 

As obras gañadoras coñeceranse na Gala de entrega de premios que se desenvolverá a sexta feira 8 de maio ás 20 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo. 

Comentarios