As feiras do libro modernízanse

A Federación de Libreiros de Galiza levará este ano a xestión das feiras do libro que o ano pasado organizaba unha empresa privada. Mudarán as actividades, as casetas e aproveitarán as redes sociais.
Libraría

A Xunta accedeu ás peticións que o sector reivindicaba desde hai anos. "Era algo que reclamábamos desde hai anos, non podía ser que a mesma empresa que organiza unha feira do viño á semana seguinte fixera unha do libro", afirma Pilar Rodríguez, Presidenta da Federación de Libreiros de Galiza. A consideración positiva deste cambio na xestión implica a modernización dalgunha das características que tivo en edicións anteriores. "Sabemos como ninguén que é o que busca o que procura libros e teremos moi en conta o lugar onde este a feira en cada momento". 

Antón Pedreira, Vicepresidente da Federación, sinala que a maior parte dos cambios "fomentarán un achegamento aos visitantes e ás localidades que visitaremos". Neste aspecto, entre as novidades figura a ampliación da súa presenza, ademais das da Coruña, Compostela, Ferrol, Vigo, Viveiro, Ourense e Lugo, ás de Pontevedra, Foz, Monforte e Rianxo. "Máis modernas e dinámicas", resume Pedreira. Os cambios que prepararon comezarán polas casetas que terán unha nova forma para facilitar o traballo d@s libreir@s e a incorporación nelas da posibilidade de que se fagan sinaturas de escritor@s. Tamén haberá mudanzas na fórmula do pregón que se realice en cada feira. "Pensamos en que sexa máis dinámico e non ten porque ser sempre un escritor".

A intención da Federación é abrir un Outlet de libros nunha das casetas.

Outlet e redes sociais

A intención da Federación é abrir un Outlet de libros nunha das casetas. A idea formulouse como resposta a unha demanda cada vez maior de libros cun prezo reducido e grande cantidade de obras que as librarías gardan sen posibilidade de darlle saída comercial.
"As redes son moi importantes e pensamos aproveitar as novas tecnoloxías". Pedreira anunciou que as feiras contarán coas redes sociais para a difusións das súas actividades e que algunhas destas "retransmitiranse en directo vía streaming".

Feiras de abril a agosto

A Federación de Libreir@s Galeg@s levará as feiras do libro por once localidades da nosa xeografía. Este ano abrirá Ferrol, do 19 ao 23 de abril, para logo viaxar a Compostela desde o 27 de abril até o 5 de maio. No mes das Letras Galegas serán en Lugo, do 14 ao 19 de maio, e en Pontevedra, do 21 ao 26. Para xuño están previstas as feiras do libro de Ourense, entre o 4 e o 9 para pasar a Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo. Co verán comezado as casetas visitarán Rianxo, do 25 ao 27 de xullo, A Coruña, do 1 ao 11 agosto, e Viveiro, do 13 ao 16 do mesmo mes. As últimas feiras deste ano serán en Foz, do 17 ao 20 de agosto, e de Monforte, do 22 ao 25.

Comentarios