As Artes Escénicas e Musicais convocan concentración o día da entrega dos Premios á Cultura Galega

A convocatoria a través das redes sociais está aberta a todo o mundo da cultura "aos que se nos está privando o dereito a traballar" e á cidadanía en xeral.

A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais, con motivo da celebración da cerimonia de entrega dos Premios á Cultura Galega que terá lugar o 21 de febreiro na Cidade da Cultura en Compostela, convocaron desde a redes sociais a concentrarse na rotonda de acceso ao mausoleo do Gaiás ás 18.00 horas.

"Convidamos a esta concentración a todos os profesionais implicados no sector cultural, aos que se nos está privando o dereito a traballar, pero tamén á cidadanía en xeral á que se lle está a arrebatar o dereito de acceso á Cultura", sinalan desde a Plataforma.

Aseguran que "en ningún caso queremos boicotear esta cerimonia nin causar prexuízo aos premiados, pero os "responsabeis" da Administración terán que acceder á gala por esa rotonda e cremos que é un momento perfecto para que nos escoiten, ao tempo que evidenciamos o paradoxo de que os mesmos que entregan os premios sexan quen están a asasinar á Cultura Galega".

Comentarios