Arundhati Roy regresa con nova novela 20 anos despois

A autora hindú triunfou hai 20 anos coa novela O deus das pequenas cousas (1997), que se convertiu nun fenómeno editorial e gañou o Booker Prize dese ano. Agora regresa con The Ministry of Utmost Happiness, que poderiamos traducir como o ministerio da máxima felicidade.

arundhati
photo_camera Arundhati Roy [Foto: Augustus Binu]

Esta agardadísima segunda novela sae hoxe á venda, 20 anos despois de gañar o Booker que lle deu fama mundial do que vendeu arredor de oito millóns de copias. Ese éxito permitiulle abandeirar numerosas causas como activista a prol dos dereitos humanos e do medio ambiente.

Desde aquela novela, alén de comprometerse con múltiples causas, escribiu varios ensaios e gañou o Premio Sidney da Paz. É voceira do movemento antiglobalización e unha crítica do neoimperialismo e da política exterior dos Estados Unidos. Tense oposto ás probas nucleares levadas a cabo polo seu propio país, así como á industrialización e ao crecemento económico, ademais de apoiar a independencia de Cachemira. 

Moitos destes temas trátanse na súa nova novela, na que estivo a traballar durante dez anos e que publica hoxe mesmo Penguin, quen conta da novela que "nos leva a unha viaxe de varios anos das estreitas barriadas de Delhi ás emerxentes metrópoles e máis alá, do val de Cachemira aos bosques de India central, onde a guerra é paz e a paz é guerra, e onde, de cando en vez, se declara a normalidade", sexa o que sexa iso. 

A crítica polo de agora non é unánime. Ademais de boas valoracións, tamén medios como The Economist non están moi felices con esta segunda entrega: "Son dúas décadas de polémica destilada nun libro, cunha superestrutura de ficción para xuntalo todo. E non funciona". 

Comentarios