Arturo Ripstein e Miguel Gomes, Premios Cineuropa

Cineuropa, o festival de cinema que máis público congrega do país, vén de anunciar os premiados da vindeira edición: o director mexicano Arturo Ripstein e o cineasta portugués Miguel Gomes. 

Ripstein
photo_camera Arturo Ripstein [Imaxe: FICG]

Neste 2015, Cineuropa recoñece a dous directores: un con máis de medio século de traxectoria internacional, o máis importante dos directores mexicanos, Arturo Ripstein; o outro, un dos máis recoñecidos valores da vangarda do cinema portugués e europeo, autor recente do tríptico estreado como acontecemento autoral no festival de Cannes, ‘As Mil e Uma Noites’, Miguel Gomes. 

Cun veterano en plena forma como o mexicano Ripstein, rexurdido este verán en Venecia, e o talento revelador de novas linguaxes do novo e xa consagrado Miguel Gomes, o Premio Cineuropa consolida o seu prestixio e acentúa a súa internacionalización das últimas edicións a través do xenio provinte de países e continentes diversos.

Arturo Ripstein forma parte do devir histórico de Cineuropa. Cando o festival naceu no 1987, Ripstein estreaba nel ‘El imperio de la fortuna’, fascinante adaptación dunha historia de Juan Rulfo a cargo de Paz Alicia Garciadiego, guionista inseparable desde ese momento da obra do cineurgo mexicano.  E o director e a guionista serán os protagonistas en Compostela desta XXIX edición coa estrea da súa máis recente obra, ‘La Calle de la Amargura’, estreada no festival de Venecia, así como cunha ampla retrospectiva seleccionada especialmente polo propio Ripstein para o tributo de Cineuropa.

As películas que integrarán esta retrospectiva son “El Castillo de la pureza” (1973) “El Santo Oficio” (1974), “La viuda negra” (1977), “El lugar sin límites” (1978), “El imperio de la fortuna” (1986), “La reina de la noche” (1994), “Profundo Carmesí” (1996), “El Evangelio de las Maravillas” (1998) e “Así es la vida” (2000). Ripstein, dúas veces gañador da Concha de Ouro en San Sebastián, participante habitual nos festivais de Cannes ou Venecia, participará activamente nas proxeccións da súa retrospectiva en Cineuropa en encontros co público do festival.

Miguel Gomes representa a forza emerxente do cinema portugués. Co tríptico ‘As Mil e Uma Noites’, que poderemos ver en Cineuropa e estreado mundialmente hai catro meses na Quincena dos Autores do Festival de Cannes, Gomes alcanzou o gotha dos autores no recoñecemento da crítica non só europea senón mundial. 

Foron merecedores do Premio Cineuropa, entre outros/as: José Luis Guerín, José Luis Borau, Manoel de Oliveira, Jane Birkin, Pedro Costa, José Sacristán, Albert Serra, María de Medeiros, Luis Tosar, Bigas Luna, Federico Luppi, Stephen Warbeck, Vicente Aranda, Paulo Branco, Oliver Laxe ou Barbara Lennie.

Comentarios