Artistas galegas na mostra feminista do MUSAC

O día 23 inaugurarase no MUSAC de León a exposición “Xenealoxías feministas na arte española: 1960-2010”, unha mostra con obra de oitenta artistas entre as que se atopan galegas como Mar Caldas, Ánxela Caramés, María Ruído, Carme Nogueira ou Uqui Permuy.
photo_camera Instalación de Carme Nogueira

Comisariada por Juan Vicente Aliaga e Patricia Mayayo, a mosta que se abre o día 23 no MUSAC de León abranguerá máis de 150 obras de 80 artistas entre as ue se atopan proxectos de autoría galega como o producido por Xoán Anleo e Uqui Permuy, o de Mar Caldas ou o de Ánxela Caramés, Carme Nogueira e de novo Uqui Permuy, que asina tamén un traballo en solitario na mostra. A nómina galega inclúe tamén a obra da creadora María Ruido e de Mª Antonia Dans.

Canda eles, inclúense nomes de referencia na arte con enfoque de xénero dos últimos cincuenta anso como Esther Ferrer, Eulália Valdosera ou distintos colectivos artísticos feministas que botaron man da creación para desenvolver un discurso de xénero liberador.
A mostra responde, ao dicir dos promotores, “á necesidade de restaurar a memoria borrada dos saberes, práccticas e xenealoxías feministas”. Reler a historia da arte “con outras claves e outras miradas” , facer visíbel a obra das artistas e valorar o legado do feminismo son algúns dos seus obxectivos.

As artistas galegas que participan na mostra do Musac caracterízanse por ter desenvolvido unha obra con claras referencias ao discurso feminista, a comezar coas propostas audiovisuais de María Ruído ou as instalacións conceptuais de Carme Nogueira, pasando polos proxectos de Uqui Permuy ou Mar Caldas. A recuperación da obra de Mª Antonia Dans, unha das figuras da arte do século XX, sorprende no discurso máis radicalmente contemporáneo e conceptual das outras propostas galegas.

Comentarios