Cultura

O cinema galego toma París da man de Oliver Laxe e Marta Pazos

Participarán no festival 'París ne finit jamais', do 15 ao 30 de xuño
Oliver Laxe [Foto: Irene Pin]
photo_camera Óliver Laxe [Foto: Irene Pin]

O director de cinema Oliver Laxe e a directora de escena Marga Pazos participan no festival Paris ne finit jamais xunto a outros grandes nomes de 12 nacionalidades diferentes, como Muñoz Molina, Jean Luc Nancy, Gioconda Belli, Juan Villoro, Isabel Coixet, David Trueba, Raúl Zurita, Bernardo Atxaga ou Brigitte Vasallo. Trátase da primeira edición deste encontro literario virtual e multiplataforma que organiza DALIA, asociación dedicada á promoción das linguas e culturas iberoamericanas, coa poeta Yolanda Castaño, como directora de arte, e o profesor Gonzalo Vázquez, como director.

A cita dará comezo a vindeira segunda feira 15 de xuño e prolongarase até final de mes. Durante dúas semanas, sempre ás 19.30 horas da cidade de París, até 25 autoras e autores das letras internacionais transitarán por campos afíns como a literatura, a filosofía, o teatro e o cinema, co gallo de tecer unha rede de coñecemento transversal. Todas as intervencións serán moderadas por un especialista na materia pertinente. As conferencias serán accesíbeis a través de YouTube, Facebook, Twitter e Instagram, en streaming e de balde.

Presenza galega

Será o filósofo Jean Luc Nancy o encargado de inaugurar o festival, cunha reflexión sobre a idea da literatura no pensamento contemporáneo. En canto á intervención galega, Laxe partillará o 26 de xuño espazo coa tamén directora Isabel Coixet, en "O arco sobre a estrela: Cultura cinematográfica desde París", conducido por Marta Álvarez. da Universidad de Franche-Comté. Marta Pazos intervirá como poñente única en "As mulleres sabias da escena contemporánea" o 17 de xuño, como unha das renovadoras do teatro contemporáneo.

Comentarios