A "folclórica" española Charo Reina non ocultou nunca a súa vinculación co franquismo. En diversas ocasións apoiou a Blas Piñar e mesmo se fotografou co uniforme da Falanxe, facendo gala da ideoloxía oficial da ditadura franquista. O BNG critica que a artista da estrema direita faga parte do programa de festas do San Froilán.
O voceiro do BNG en Lugo, Antón Bao, dirixiuse ao PSOE para lamentar a contratación de Charo Reina e preguntoulle tamén ao PP se non considera, neste caso, que coa presenza da artista se están a “politizar as festas”, como ten feito no tempo no que o BNG foi responsábel de festas no concello.
Bao criticou así que “o goberno municipal, en mans do PSOE, non coide este tipo de cuestións á hora de elaborar o programa de festas”. Varios colectivos e entidades culturais lamentaron tamén a presenza de Charo Reina nas Festas do San Froilán.
O concelleiro e portavoz nacionalista destacou tamén que a contratación se produce nunha edición das festas nas que o PSOE decidiu contratar un xerente a través dunha asistencia técnica para a xestión das festas. Ao contrato, para o que foi seleccionado unha persoa que xa fora cargo de confianza do PSOE, destináronse perto de 10.000 euros para tres meses.