O artigo póstumo de Neira Vilas

A Academia Galega vén de publicar un artigo póstumo de Neira Vilas no que fala de como enviaban desde a editorial e distribuidora Follas Novas á Galiza franquista exemplares agochados do 'Sempre en Galiza'.

neiravilas-galaxia
photo_camera Xosé Neira Vilas

Neira Vilas traballou até o último momento da súa vida e nos vindeiros meses verán a luz moitos dos proxectos aos que estaba a dedicarse nos últimos tempos. O primeiro en saír foi un artigo que enviara á Real Academia Galega sobre o Sempre en Galiza titulado “Un libro definidor”, no que conta como coñeceu e distribuíu este libro por toda América, “dende Punta Arenas a Toronto”, e tamén como fixo chegar esta obra de Castelao a Galicia ás agochadas.

No texto Neira Vilas lembra como coñeceu o libro en 1950, cando levaba un ano en Buenos Aires. “Comecei a debullalo na biblioteca do Centro Galego. En 1953 fundamos as Mocedades Galeguistas e para autoformarnos estudabámolo en sesións sabatinas abertas”, recorda.
 
Cando Anisia Miranda e mais el fundaron a editorial do libro galego Follas Novas, incluíron no seu catálogo Sempre en Galiza, que enviaban a exiliados galegos, universidades ou asociación culturais de toda América. E tamén comezaron a facer envíos a Galiza. “Cada viaxeiro amigo traía un exemplar, que lían decenas de mozos, segundo fun sabendo, e servía para a súa formación galega. Isto beneficiou a centos de mozos. Tamén inventamos un membrete (coido que co nome dunha perfumería) e fixemos chegar exemplares por correo postal. Talvez fosen requisados algúns, pero os máis deles soubemos que chegaran e que foran igualmente útiles a múltiples lectores. A existencia deste libro foise coñecendo en Galicia e de aí que lle serviramos a unha distribuidora mexicana (Atrante S. A.), a través dun tal Alvarado que a representaba na Arxentina, todos os exemplares que quedaban para distribuílos clandestinamente en Galiza”, detalla Neira Vilas no artigo, no que tamén repasa o proxecto frustrado de reeditar Sempre en Galiza a través do seu selo.
 

Comentarios