xoves 29/10/20
Premios de xornalismo de Afundación

Un artigo de Miriam Ferradáns na final do Fernández del Riego

Miriam Ferradáns, Diego Giráldez e Cristina Pato son os autores dos artigos finalistas do Premio de Xornalismo Fernández del Riego, convocado por Afundación e dotado con 10.000 euros. A decisión deuse a coñecer onte na sede da entidade en Pontevedra.
miriamferradans
Miriam Ferradáns. / Nós Diario

A colaboradora de Nós Diario, Miriam Ferradáns é finalista polo seu artigo "Aprender a contar" publicado en Sermos Galiza. Compite, para lograr o galardón, con Diego Giráldez e co seu texto "A cardiopatía de Xulia", do diario dixital Praza Pública, e contra Cristina Pato, que chega a esta final co seu artigo "Realidades paralelas", para La Voz de Galicia.

Na comparecencia diante da prensa para dar a coñecer estes nomes, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, sinalou o "complicado" labor de selección do xurado, "dada a calidade dos textos presentados", e tamén se referiu ao "papel esencial que o xornalismo desemprega e que, en momentos tan extraordinarios como o actual, se revela imprescindíbel".

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, expresou o seu recoñecemento a todas as persoas que presentaron os  seus artigos para seren sometidos á valoración do xurado, integrado por el mesmo, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Inma López, e que nesta edición "tivo un debate extenso dado o sobresaínte nivel dos textos concorrentes".

Esta XVII edición do Premio de Xornalismo Fernández del Riego contou coa participación dun total de 19 artigos.

Podían presentarse textos do xénero do xornalismo literario ou de opinión, coas condicións de que só se presentara un texto por autoría e que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en galego. 

comentarios