Artesanía, produción local e ecolóxica e terapias alternativas na X Feira Ecolóxica de Arzúa

Os días 5 e 6 de outubro a Feira Ecolóxica de Arzúa celebra a súa décima edición consolidada como o maior encontro do sector dos que se desenvolven no país. Produtos naturais, terapia alternativas e producións locais danse cita neste evento que ten o prazo de inscrición aberto ate esta sexta feira día 20 de setembro. 

O Recinto Feiral Terra do Queixo será, máis unha vez, o recinto para o encontro, exposición e venda de produtos ecolóxicos nunha feira que chega neste ano a súa décima edición como unha referencia no ámbito do consumo e terapias alternativas. 

O sector “verde” vólvese atopar na terra do queixo con ducias de postos con produtos á venda e exposición que mostrarán tamén as novidades no ámbito ecolóxico ademais de servir de canle para as producións locais. 

Artesáns, produtores e produtoras, pequenas empresas do ámbito e público en xeral danse cita neste encontro que ten como obxectivo promover as iniciativas que contribúen a unha vida máis sá e respectuosa co medioambiente. Organizada por Culturactiva xunto co Concello de Arzúa, a feira ecolóxica achega cada ano novidades e iniciativas para un consumo responsábel e iniciativas empresariais novidosas no ámbito da produción ecolóxica.  

Até o día 20 de setembro continúa aberto o prazo de inscrición para quen queira dar a coñecer os seus produtos ou servizos que poderán solicitar a presenza na feira a través da súa web www.terractiva.org. 

Comentarios