MÁIS

Artesanía en Agolada

Tradición e vangarda da manufactura do Deza.
Últimas edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular da Galiza en Agolada. (Foto: N. B.)
photo_camera Últimas edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular da Galiza en Agolada. (Foto: N. B.)

O XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular da Galiza, 'Corazón da Artesanía' comeza hoxe e estenderase até o domingo. A xuntanza terá lugar no recinto histórico-artístico dos Pendellos, Agolada (O Deza).  

Aberto de 11 a 14.30 e de 16 a 21.30 horas durante estes tres días, contará coa participación de 53 profesionais da Artesanía da Galiza, 36 como expositores das súas manufacturas e 14 impartindo cursos de formación especializada e talleres abertos ao público.  Tamén haberá música en directo e actividades para a cativada, como as actuacións de Xabier Díaz, De Vacas ou Comando Curuxás, entre outros que actuarán na praza do Concello. No encontro participan ademais expositores de produtos gourmet de 32 empresas do sector, das que máis da metade posúen o recoñecemento de Artesanía Alimentaria.

'Corazón da Artesanía' conta con obradoiros abertos ao público sobre cerámica de torno, estampado ou técnicas no téxtil, ademais de cursos de bordado, cestaría ou tapizaría, entre outros. Os obradoiros de especialización teñen como docentes expertas e expertos na materia como, por exemplo, o alfareiro de Buño (Bergantiños), Antonio Pereira 'O Rulo' ou Álvaro M. Leiro, cesteiro gañador do Premio Nacional de Artesanía 2023.

"Tratamos de pór en valor todo o traballo que hai detrás de cada peza de artesanía, posto que moitas veces non se sabe todo o que implica", declara a Nós Diario Elena Fabeiro, xerente de Artesanía da Galiza. 

En Agolada combínanse estes días a exposición dos produtos, a súa venda e tamén a demostración dos oficios tradicionais para evitar que se perdan. 

Comentarios