Cultura

As artes vivas denuncian a "inacción" do Ministerio de Cultura

Ante as últimas declaracións do ministro de cultura, corre a chamada a un "apagamento cultural" a modo de protesta
[Foto: Producións Excéntricas] Medida x Medida
photo_camera [Foto: Producións Excéntricas] Medida x Medida

Entre as distintas frontes abertas das profesionais das artes escénicas galegas ante a incerteza creada pola COVID-19 está o traballo a nivel estatal, pois moitas das competencias se atopan nese eido. A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), como parte de ConArte, confederación que aglutina asociacións sindicais de todo o Estado, vén de manifestar nun comunicado a súa perplexidade e "profunda preocupación" ante a "inacción do Ministerio de Cultura". O titular, José Manuel Rodríguez Uribes, ofreceu a terza feira a súa primeira rolda de prensa desde a declaración do estado de alerta, mais só para afirmar que o seu departamento non tomou nin vai tomar nun futuro próximo ningún tipo de medida específica.

"A indolencia e irresponsabilidade mostrada polo ministro contrasta coa entrega e colaboración" que, na súa opinión, vén amosando o sector das artes escénicas e musicais. Este intenso traballo traducíase nun documento que asinan máis de 30 asociacións, no que se recollen 52 medidas extraordinarias repartidas en ámbitos concretos: contratación públicas, medidas laborais e relacionadas coa seguridade social, subvencións públicas, financiamento empresarial...

Este informe foille entregado ao Ministerio de Cultura e Deportes esta segunda feira, a modo de folla de ruta para tratar de paliar las dificultades dun sector que enfronta "a suspensión de máis de 30.000 funcións e concertos só entre os meses de marzo e maio". As perdas económicas cífranse por riba dos 130 millóns de euros, ao que cómpre sumar, segundo indican, a "incerteza a medio prazo que recae sobre as artes vivas" ante a "desescalada" do confinamento.

Da mesma maneira, chaman a atención sobre a fraxilidade do tecido empresarial e a vulnerabilidade das traballadoras, marcadas por unha "forte estacionalidade, a intermitencia da actividade ou a escasa capacidade de aforro", que dificultan a resistencia nun contexto como o actual.

Porén, ConArte denuncia a falta de implicación de Rodríguez Uribes, quen centrou a súa comparecencia en destacar "evidencias que ninguén deste sector discute", como que "a prioridade é combater con éxito esta pandemia" ou que esta "non é unha crise sectorial". As asociacións sindicais consideran estas afirmacións "vagas e carentes do máis mínimo compromiso", e contra a tan repetida máxima de que "ninguén quedará atrás".

Desde ConArte piden unha rectificación inmediata do ministro. Así mesmo, corren polas redes e polas canles de comunicación privada varias chamadas a realizar un "apagamento cultural" de 48 horas, durante os días de hoxe e mañá, froito do malestar do sector ante as declaracións, co que se quere reivindicar o valor que está a xogar a nesta crise.

Comentarios