Artes plásticas con capital na Mariña

Unha exposición con trinta artistas e unha semana dedicada ao debate arredor das artes plásticas que se desenvolverá de 20 a 23 de abril converte á Mariña en territorio artístico. A asociación A Pomba do Arco está detrás da iniciativa. 

Exposición no Cenima de Foz
photo_camera Exposición no Cenima de Foz

Máis de trinta artistas da Mariña expoñen a súa obra nun espazo único, na exposición no Cenima de Foz no que queda á vista á creatividade e o relevante grupo de artistas da comarca. No tempo no que a mostra continúa aberta en Foz, a Asociación A Pomba do Arco bota a andar entre os días 20 e 23 de abril o programa “Sentirmos a arte”, unha serie de mesas de debate tamén con artistas como protagonistas nas que se avaliará o estado actual das distintas disciplinas artísticas. 

“Arquitectura de nós” é o título da primeira das xornadas que leva a Foz un dos principais nomes da arquitectura contemporánea que ten tamén a súa orixe na Mariña. Xosé Manuel Casabella analizará o estado actual da arquitectura galega por medio dunha charla seguida de coloquio. 

A terza feira a relación da creación artística e o ensino será motivo dun encontro con tres ensinantes, Pedro Cabarcos, Paz Quiroga e Xerardo López ademais da participación de dous alumnos do bacharelato de arte que achegarán a súa experiencia persoal. 

A arte que ven e a que está

A arte do futuro e o futuro da arte será o centro da terceira das xornadas na que se darán cita os novos nomes da creación para relatar as súas inquedanzas e amosar as súas propostas artísticas. Lucía Vila, Martín Lestao, Cris Basanta e David Catá integrarán a mesa redonda que se titula no programa “A arte que ven”. 

O encontro “Sentirmos a arte” chegará ao seu fin coa cuarta e derradeira charla na que, co título “Pensar a arte”, convocarase a catro relevantes artistas da Mariña, Celso Dourado, Daniel Caxigueiro, Juanel Ponte e Xoán Manuel Guerreiro. O seu proceso creativo será o cerne desta mesa redonda que porá o ramo ás xornadas. 

As mesas redondas terán lugar tamén no Cenima de Foz, ás 20.30 horas, ofrecendo así a oportunidade de contemplar no mesmo edificio a mostra de obra de trinta dos principais artistas mariñás.

Comentarios