Xornadas en Foz do 8 ao 11 de abril

Artes na Costa Norte

Música, pintura, escultura, deseño. Unha semana de conferencias conforman o programa de Sentirmos a Arte, as xornadas organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco entre o 8 e o 11 de abril en Foz.

xosé luís neira borchs
photo_camera Unha escultura de Xosé Luís Neira Borchs, artista participante nas xornadas Sentirmos a Arte, de Foz. Imaxe: cedida.

A cita comeza na segunda feira. Ugia Pedreira (Foz, 1970) e Abel Pérez exporán A comuna do barruzo, un proxecto musical dirixido á xente miúda e, por primeira vez, cantado na Fala, o galego asturiano. “Unha oda á ruralidade como fonte auténtica de recursos para a supervivencia”, definírono os seus autores.

Ao día seguinte, o pintor e escultor Xosé Luís Neira Brochs (Viveiro, 1941) disertará sobre o mural cerámico. A cuarta feira, a lucense Sesé Santiso falará da súa actual mostra, localizada no Museo Provincial de Lugo, O cotián revisado. “Pretendo reivindicar o cotián ao servizo da memoria, un obxecto digno de ser presentado e, á súa vez, representado a través dunha imaxe que actúa como documento, como pegada, como traza visual do tempo pero tamén como aparato evocador”, di o texto do museo.

A quinta feira, 11 de abril, o deseñador Pepe Barro porá o ramo das xornadas cunha palestra titulada igual que o seu último libro, Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza.

Todas as intervencións serán ás oito e media do serán no salón de actos do Cenima, en Foz.

Comentarios