As artes escénicas reflexionan sobre o camiñar

Ciclo Escenas do cambio en Compostela
PENTECOSTÉS-__-LAURA-ITURRALDE-II-1024x576 2
photo_camera Imaxe de 'Pentecostés', da compañía Pálido Domingo. Foto: Escenas do cambio.

Das dez pezas do do ciclo Escenas do cambio, tres son galegas. E as tres posúen un elemento en común: reflexionan sobre o acto de camiñar. "David Le Breton, Thoreau, Werner Herzog ou Peter Handke aprendéronos que o camiño é unha idea abstracta e, sobre todo, un xesto de resistencia ao mundo do capital, un convite a parar", expón o director do certame, o poeta Pablo Fidalgo Lareo, no texto de presentación. Organizado pola Xunta e coa Cidade da Cultura como escenario, Escenas do cambio comeza esta sexta feira e decorrerá até o vindeiro 8 de febreiro.

"Ao mesmo tempo, todas as artistas internacionais do programa teñen sempre presente esta idea de movemento e transformación", engade Fidalgo Lareo. A primeira xornada ofrece mostras das dúas afirmacións do responsábel artístico da mostra. Ás tres da tarde haberá unha performance da canadense e polaca Ula Sickle, que dura catro horas de "percorrido físico até a extenuación". Ás oito e media, a compañía galega Pálido Domingo coloca "a atención sobre o corpo do esforzo, sobre os pequenos movementos que definen un corpo que camiña e loita cun obxectivo" nunha obra de título Pentecostés.

O 1 de febreiro, sábado, Los Bravú poñen en escena Caderno de vacacións, a dicir de Fidalgo Lareo "un paseo polo mundo da xente nova de hoxe", con parada "nos estereotipos e a relación coas novas tecnoloxías" e certa crítica ás dinámicas do turismo masivo. Será ás sete da tarde. Hora e media máis tarde, a bailarina Leonor Leal amosará Ahora bailo yo, unha rescritura en forma de danza do espectáculo Camelamos naquerar ("queremos falar" en caló) do bailaor e coreógrafo Mario Maya, estreado en 1976. "Fragmentos e pegadas deste mítico espectáculo son postos en escena, filtrados polo corpo e a experiencia de Leonor Leal", explica a organización de Escenas do cambio.

A clausura do primeiron tramo do ciclo será o domingo 2 de febreiro ás sete do serán. Correrá a cargo da coreógrafa húngara Eszter Salamon e o seu traballo M/others, "unha exploración da relación entre nai e filla". "A través de modalidades de acción, sentimento e percepción, a obra abre un tempo intersubxectivo, dando lugar a un espazo singular con rastros e estados de unión", afirma o programa.

Do 6 ao 8 de febreiro

Escenas do cambio reanúdase a sexta feira, 6 de febreiro con dúas obras, Legende, do francés Romain Teule -que investiga "nas diversas posibilidades que se poden atopar nas palabras-, e Samedi Détente, da ruandesa Dorothée Munyaneza -en que ecoa o xenocidio que, en 1994, devastou o seu país natal. A diferenza de todos os demais espectáculos, localizados no Gaiás, estes dous serán no Salón Teatro e no Teatro Principal ás sete e ás oito e media, respectivamente.

O sábado 7 de febreiro o catalán Roger Bernat leva ao escenario a obra Please, continue (Hamlet). Será ás oito e media da tarde. E o domingo, día 8, decorrerá a xornada final do ciclo. Primeiro actuará Gisèle Vienne, que en JERK reconstrúe imaxinariamente os crimes perpetrados polo asasino en serie estadounidense Dean Corll. As oito e media, tres contadores galegos pechan coa conxunta, e exclusiva para Escenas do cambio, Tres vellas (polo menos). Trátase de Quico Cadaval, Guti e Celso Fernández Sanmartín.   

Comentarios