Arte téxtil no corazón da cidade para renovar o mapa das rúas de Compostela

A equipa de 7H Cooperativa Cultural levará a cabo a vindeira segunda feira, 31 de agosto, unha intervención artística efémera para reivindicar o nome de mulleres anónimas apegadas á historia de Compostela na designación do espazo público. Unha iniciativa que contou coa colaboración da cidadanía.
mulleres
photo_camera A técnica de transferencia das fotografías antigas á tea é artesanal e dá lugar a pezas únicas (7H Cooperativa Cultural).

"Abonda unha ollada á nomenclatura da cidade, reflexo da memoria colectiva no espazo público, para advertir unha evidente invisibilización das súas habitantes, apenas presentes nas rúas identificadas con nomes propios". Foi a observación de partida das integrantes de 7H Cooperativa Cultural que puxo en marcha unha acción artística colectiva, protagonizada polas mulleres de Compostela.

"Decatámonos de que as rúas polas que transitamos habitualmente levan nomes de home, sobre todo da primeira metade do século XX. E moitos deles tampouco gardan gran relación co espazo no que están situados", recoñece Eva Agra a Nós Diario. "Fixemos unha pequena análise e só 25% dos nomes de rúas e prazas que fan referencia a unha persoa é de muller, case todas relacionadas co ámbito artístico ou relixioso".

Os nomes que habitamos

Foi o xerme de Os nomes que habitamos: historias fiadas das mulleres de Compostela, unha proposta artística que tira do fío da historia e que nas últimas datas convidou toda a veciñanza da cidade a participar. O obxectivo: feminizar o mapa das rúas compostelás mediante a descuberta de mulleres anónimas, "sobre todo da xeración das avoas e das bisavoas, que sabemos perfectamente que tamén contribuíron á construción dos barrios nos que vivimos e ao benestar colectivo de todas as vilas e cidades", destaca Agra, malia a súa ausencia dos espazos públicos.

Álbums familiares

A proposta partiu dunha convocatoria en redes sociais, lanzada en colaboración coas asociacións feministas da cidade, para recompilar fotografías de mulleres que, preferentemente, viviran antes de 1950, o que levou a cidadanía a tirar dos álbums familiares e a mergullarse no pasado da biografía colectiva protagonizada polas mulleres de Compostela.

A acción artística combina o emprego de imaxes antigas e o bordado, unha expresión artística desenvolta tradicionalmente no ámbito do fogar como tarefa feminizada asociada ás artes decorativas.

En poucos días, chegaron a mans das impulsoras da iniciativa unha trintena de retratos acompañados dunha pequena presentación da protagonista. "Quedamos moi sorprendidas pola resposta", asegura Eva Agra, de 7H Cooperativa Cultural, "o que nos fai pensar que este proxecto podería ter moito máis percorrido no futuro". De feito, non descartan recuperalo para darlle continuidade.

"Descubrimos historias tremendas e outras curiosas. Desde mulleres que se viron na obriga de sacar adiante soas á súa familia tras o asasinato dos seus maridos polo réxime fascista até mulleres que dedicaron a súa vida ao servizo de comedor escolar, deixando unha pegada ben fonda entre varias xeracións de crianzas", afirma Agra.

Arte téxtil

'Os nomes que habitamos' verá a luz a vindeira segunda feira, 31 de agosto, nunha intervención efémera que levará ás rúas do Ensanche con nomes de home, propostas alternativas con nome e rostro de muller.

"Estamos acabando de transferir as fotografías a tea e de bordar no mesmo pano o nome de cada muller", explica Eva Agra, xa que a acción artística e colectiva que concibiron co fin de recompilar novos nomes para o mapa das rúas de Compostela combina o emprego de imaxes antigas e o bordado, unha expresión artística desenvolta tradicionalmente no ámbito do fogar como tarefa feminizada asociada ás artes decorativas.

Non sei se nos corresponde a nós facer unha proposta formal de cambio, mais queremos chamar a atención para que no futuro se faga esta mudanza.

"O bordado é unha técnica tradicionalmente feminina e do ámbito privado. Non adoita saír das casas, mais a nosa proposta consiste en trasladala á rúa, á esfera pública, seguindo o espírito da revolucionaria década dos 70", cando os labores téxtiles foron empregados coma ferramentas de expresión artística no plano público-político por artistas feministas como Louise Bourgeois, "que utilizou esa técnica íntima como reivindicación do espazo público".

O traballo artístico é laborioso, asevera Eva Agra. "A técnica de transferencia de imaxes facémola a man. Todo o traballo é artesanal e cada peza, única, creada de forma colectiva pola equipa de 7H Cooperativa Cultural". Estano facendo con cada unha das perto de 30 fotografías que lles achegou a veciñanza de Compostela para renovar a nomenclatura da cidade.

Unha chamada de atención

As dinámicas dos círculos de creación femininos dos anos 70 levou ás promotoras de 'Os nomes que habitamos', de 7H Cooperativa Cultural, a compor unha serie de instalacións efémeras coas que facer visíbeis diversas historias de vida protagonizadas por mulleres de Compostela. "A vindeira segunda feira levarémolas a distintas rúas do Ensanche, no marco do Festival C, para completar esta proposta artística de intervención do espazo público".

Buscan contrapor os nomes de home que locen agora nas placas informativas cos recompilados grazas á implicación da cidadanía, nomes de mulleres apegadas á cidade e á súa historia. "Non sei se nos corresponde a nós facer unha proposta formal de cambio, mais queremos chamar a atención para que no futuro se faga esta mudanza", di Agra.

Comentarios