A arte e a tecnoloxía fusiónanse nunha mostra de máis de 300 fotografías

A sede da Fundación Barrié, na Coruña, acolle en primicia para o Estado español a exposición Proxecto Polaroid: Na intersección da arte e a tecnoloxía, máis de 300 pezas, entre as que se conta material gráfico elaborado con toda gama de papel e películas Polaroid e coas que se abarca unha produción artística que vai desde a década de 1940 até a actualidade.
The Guy Bourdin Estate. (Foto; Charles Jourdan, 1978)
photo_camera The Guy Bourdin Estate. (Foto; Charles Jourdan, 1978)

A sede da Fundación Barrié, na Coruña, acolle en primicia para o Estado español a exposición Proxecto Polaroid: Na intersección da arte e a tecnoloxía, comisariada por William Ewing, Barbara Hitchcock, Deborah G. Douglas, Rebekka Reuter e Gary Van Zante da Foundation for the Exhibition of Photography e o MIT Museum. 

A mostra comprende máis de 300 pezas, entre as que se conta material gráfico elaborado con toda gama de papel e películas Polaroid e coas que se abarca unha produción artística que vai desde a década de 1940 até a actualidade. Prototipos, modelos, papel e películas experimentais, debuxos técnicos e material relacionado integrarán o lado técnico da exposición. 

Algúns dos nomes representados son Ansel Adams, André Kertész, SAndi Fellman, Peter Beard, Dennis Hopper, George Silk, Richard Hamilton, Bill Eppridge, Shelby Lee Adams ou Robert Mappelthorpe. 

Con esta exposición, a fundación prosegue a súa aposta pola súa liña de mostras temporais dedicadas a clásicos e contemporáneos da fotografía, que xa permitiu mostrar as imaxes de grandes fotógrafos como Paul Strad ou Català-Roca. 

Polaroid

A mostra ofrece unha panorámica xeral "dun fértil terreo" para a creación de imaxes, co seu material gráfico e instrumentos, que pode resumirse baixo un nome sinxelo e recoñecido en todo o mundo: Polaroid. 

A empresa de fotografía, pese á súa desaparición a comezos do século, segue a ser unha marca de prestixio. Mostra disto é a obra de máis de 100 fotógrafos que exporá a fundación a partir do 11 de marzo e até o 9 de xullo de 2023. 

Comentarios