Mostra sobre “artistas galegas baixo o franquismo”

A arte na sombra da sombra

A bota franquista pisouno todo. Ningún ámbito da vida escapou ao despregamento fascista que seguíu á masacre da Guerra Civil. Oitenta anos despois, múltiples memorias fican por restituír. A exposición Territorios da intimidade, comisariada por Rosario Sarmiento, avanza xustamente nesa dirección e rescata “artistas galegas baixo o franquismo”.
 

territorio intimidade 1 xurxo lobato
photo_camera Unha muller observa 'A familia', o óleo de Julia Minguillón, na exposición 'Territorio de intimidade'. Foto: Xurxo Lobato.

A mostra abriu o pasado 24 de outubro no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela. “Para min é un paso máis nunha traxectoria de investigación en que levo anos envolvida”, explica Sarmiento a Sermos Galiza, “e no meu propósito de realizar un mapa de creación das mulleres artistas”. Desta volta, céntrase no escuro período histórico que vai de 1940 a 1975, e faino a partir de 13 mulleres artistas e 70 obras entre pintura, escultura e debuxos.

territorios da intimidade - mulleres

“Foi un tempo en que era moi difícil ser muller profesional, sobre todo nas primeiras décadas da posguerra”, explica, “non promocionaban. Todo estaba pensado para que o destino da muller fose o de esposa e nai”. As conquistas igualitarias da II República foron despezadas: a lei do divorcio, o matrimonio civil, o dereito ao voto feminino. “A nova sociedade era patriarcal e androcéntrica. Os límites entre quen ocupaba o espazo público e o privado quedan claramente estabelecidos”, di a nota de prensa de inauguración de Territorios de intimidade.

No ambiente escuro, represivo, mediocre, da longa noite de pedra, “o oficio de ser artista non estaba ben visto”. Só algunhas, “que puideron formarse fóra, sobre todo en Madrid, porque tiñan recursos para facelo”, conseguiron certa repercusión. Julia Minguillón (Lugo, 1906 – Madrid, 1965) -a máis afecta ao daquela novo réxime de entre as escolmadas-, como caso paradigmático. “As que non  dedicáronse sobre todo ao ensino”, engade Sarmiento.

Carmen Corredoyra (A Coruña, 1893-1970) ou Fina Mantiñán (A Coruña, 1932) foron epítome desta última categoría, creadoras de “enorme talento” relegadas na periferia e esmagadas polas condicións históricas obxectivas.

Cinco bloques


Rosario Sarmiento estruturou a exposición en cinco bloques. O primeiro está dedicado ás lecturas artísticas sobre a familia. Despois repasa a relación entre a muller e o traballo, e neste apartado salienta María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922 – Madrid, 1988) e a súa representación do mundo rural. A terceira sección fala daquelas que “desenvolveron unha traxectoria en Madrid e estiveron máis expostas” a linguaxes relativamente novas, por caso á abstracción ou ao expresionismo.

territorio de intimidade 2 xurxo lobato

A fantasía centra a penúltima das partes da mostra, con debuxos por caso de Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963), influída polo art noveau. E, finalmente, Territorio de intimidade -que coincide co título global- amosa o traballo sobre espazos e vivencias cotiáns que transitaron Elena Fernández-Gago (A Coruña, 1940-2011) ou María Victoria de la Fuente (Vigo, 1927 – Madrid, 2009).

A comisaria da exposición xa se encargara de delimitar algúns territorios relacionados coa arte das mulleres en 1995, cando dirixiu A arte inexistente: as artistas galegas do século XX, tamén no Auditorio de Galiza. En 2016, no Marco de Vigo, fixo Mulleres do silencio. E este mesmo ano presentou o filme documental Arte+Muller+Galicia, premio Luísa Villalta de cultura e igualdade da Deputación da Coruña. Non obstante “a investigación nunca remata”.

“Rescatei tres obras de Rosina Llamas Fole (A Coruña, 1941-1977). Morreu moi nova e a súa obra quedou por desenvolver”, indica, “pero o poeta Miguel González Garcés chegou a escribir sobre ela como unha artista ligada á modernidade do seu tempo”. Nas pescudas, engade, “hai que ter sorte”. E Sarmiento considera que a tivo.

“Todas elas romperon os estereotipos temáticos tradicionalmente asociados ás artistas mulleres neses anos”, conclúe o comunicado remitido polo Auditorio de Galiza a respecto de Territorio de intimidade, “mais tamén innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna máis próxima”.

A exposición, organizada polo Concello de Compostela, permanecerá na institución até o vindeiro 3 de febreiro.

Nota: a foto de arriba, coas imaxes das 13 mulleres que fan parte da exposición é do Concello de Santiago de Compostela. A de abaixo, de Xurxo Lobato.

Comentarios