Arte psicodélica dun galego de California

A Fundación Luis Seoane acolle até o outono 'Moscoso Cosmos. O universo visual de Víctor Moscoso'. Comisariada por David Carballal a mostra achéganos á obra deste galego deCulleredo, criado e formado nos Estados Unidos, cunha destacada traxectoria na gráfica psicodélica e na contracultura de finais dos 60.

01_chambers_brothers
photo_camera O icónico cartel de The Chambers Brothers, creado por Víctor Moscoso. (Foto: Nós Diario)

A Fundación Luis Seoane acolle unha nova exposición titulada “Moscoso Cosmos. O universo visual de Víctor Moscoso”, unha mostra retrospectiva e panorámica da obra gráfica deste deseñador nado en Culleredo que tivo un papel de referencia no cartelismo psicodélico xurdido na década de 1960, na cabeira Zap comix e no movemento contracultural dos Estados Unidos naquela altura. 

Víctor Moscoso (Vilaboa, Culleredo, 1936) trasladouse aos Estados Unidos xunto cos seus pais á idade de 5 anos, onde levou a cabo os seus estudos e desenvolveu toda a súa carreira profesional, marcada pola serie de carteis de rock psicodélico e mais pola súa participación na revista underground Zap Comix, xunto con artistas como Robert Crumb e Rick Griffin, entre outros, e que se prolongou por 40 anos.

"A persoa que visite a mostra vai facer un percorrido completo pola traxectoria artística de Víctor Moscoso, que abrangue desde o ano 1966 até hoxe en día", explica David Carballal, deseñador e comisario da mostra en conversa con Nós Diario.

Unha retrospectiva

“A mostra xestouse moi lentamente, foi unha idea que xa xermolou pouco a pouco”, lembra Carballal, “nunca me sentira especialmente atraído pola gráfica psicodélica, pero a raíz de saber que Moscoso nacera aquí, picoume a curiosidade e pensei, “como é posíbel que sexa de aquí e que nunca se fixera nada?”. “Algunhas das súas pezas xa me tiñan chamado a atención e empecei a investigar”, relata o comisario da mostra.

“No resultado tamén se nota que se foi xestando pouco a pouco e a obra de Víctor Moscoso, á parte de que mereza este recoñecemento desde a súa Galiza natal, tamén precisaba a nivel internacional unha exposición cun catálogo retrospectivo e panorámico, non fragmentado, do seu traballo”, engade Carballal, que decidiu que había material e historia suficiente para organizar unha mostra xa en 2015.

“Cando empecei a investigar decateime de que nas entrevistas, feitas para revistas norteamericanas, el escribía da Galiza, das súas lembranzas, pero agora, despois de conversar con el durante todo o proceso vin que o seu vínculo é máis forte aínda”, comenta o comisario, que tamén lembra que Moscoso “viaxou en 1965 co seu irmán e pasou un mes en Oleiros, na casa dos seus avós". “Ten moita familia aquí, coa inauguración achegáronse vinte e tantos familiares cos que aínda ten relación”, comenta.

Un artista de referencia

“Víctor Moscoso aparece en practicamente todas as factoloxías de deseño gráfico, cartelismo e tipografía desde o ano 68”, explica David Carballal. E así, a súa obra está en museos como o Moma de Nova York, a libraría do Congreso dos Estados Unidos, o Smithsonian Institution, no Victoria and Albert Museum do Reino Unido, na Tate Gallery, no Gestaltiung Museum de Zurich... “É mundialmente coñecido”, sentencia.

“O que ocorre con Moscoso é que aínda que non saibas o seu nome, hai pezas súas que están no imaxinario colectivo”. Unha delas, a moza coas gafas de sol na que está a información do disco de The Chambers Brothers rotulada nos lentes, é un cartel de 1967 que foi versionado e repetido e que constitúe unha imaxe icónica da California de entón. Carballal lembra a cuberta de Herbie Hancok and The Head Hunters en 1973, durante décadas o álbum de jazz máis vendido da historia...

A obra de Moscoso, xunto á do resto de cartelistas psicodélicos de finais dos 60, marcou un xiro na estética gráfica do século XX. “Considérase o primeiro momento da posmodernidade, no que se poñen en dúbida dogmas estabelecidos desde os anos 20”, afirma o comisario da mostra. “Esta xente o que fixo foi pór eses principios patas arriba e, polo tanto, marcar unha curva, un cambio de dirección na gráfica do século XX, así que a súa influencia é realmente moi grande”, recalca Carballal.

Na inauguración da exposición, que permanecerá aberta na Fundación Luis Seoane áte outubro, estiveron presentes o autor, que participou en liña desde a súa casa en San Francisco (California); a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a directora da Fundación, Silvia Longueira; e o deseñador e comisario da mostra, David Carballal.

Comentarios