O ENTROIDO XA ESTÁ AQUÍ

A arte de pintar a máscara dun peliqueiro

O entroido estoupa por todo o país e, en Laza, os peliqueiros están a punto de poñer a súa máscara. Algunhas delas están pintadas pola artista Olalla Diéguez, filla de artesán de caretas, que nos achega a todos os ritos e costumes dun dos entroidos galegos máis populares. 

mascaras
photo_camera mascaras

Peliqueiros, a morena, a bica branca, os folións ou o xastré son elementos imprescindíbeis do entroido de Laza. A artista Olalla Diéguez coñece cada unha das tradicións, vive con intensidade cada un dos costumes e contaxia entusiasmo polas populares festas. 

Con dezasete anos pintou a primeira careta de peliqueiro. A súa condición de artista naceu na propia casa, traballando canda o seu pai Paco Diéguez, artesán que leva tamén desde moi novo construíndo caretas. Despois, Olalla estudou Belas Artes e todo o que aprendeu serviulle  para a súa maneira intensa de vivir o entroido máis popular. Agora continúa a pintar caretas e leva tamén varios anos gañando o concurso de cartaces das festas en Verín talvez porque sabe coma ninguén transmitir a emoción do entroido tradicional. 

“Meu pai fai as caretas e eu as pinto. O traballo é laborioso. A madeira de ameneiro vai tallada nunha única peza. Hai que cocela nunha poeta con auga. A parte de arriba, a mitra, é metálica e normalmente vai pintada cun animal que é o tótem e representa a quen a leva”, explica Olalla Diéguez do proceso de elaboración da careta do peliqueiro, considerada unha alfaia nas casas de Laza, un concello no que o entroido se vive intensamente. Desde comezos de ano os peliqueiros póñense o traxe para se preparar para a festa e no patio do colexio as crianzas imitan as saídas e as carreiras dos populares personaxes do entroido. 

“Eu só puxen o traxe dúas veces. Hai que adestrar moito porque é moi pesado. Meu pai é peliqueiro de sempre. Desde comezos do ano comezan a poñer as chocas, as campás que se levan no cinto e a zamarra e saen a correr polas rúas. Sería moi difícil poñelo por vez primeira o día da estrea”, comenta, deses traxes que son tesouros en Laza e que, en cartos, teñen un valor por volta dos 2.000 euros,  arredor de 400 só a careta. 

A figura máis respectada

Como é a actividade dun peliqueiro? “Pois neste momento está permitido saír coas chocas e a zamarra,  mais coa careta só se pode o día da estrea que é o domingo de entroido. Ao remate da misa os peliqueiros van saudar á xente que sae e despois van correndo nas distintas aldeas. A calquera que se lle cruce poden darlle o lategazo xa que eles impoñen a lei do entroido, son a figura máis respectada”. 

A segunda e terza feira de entroido os peliqueiros tamén teñen actividade. Son os días que saen co traxe completo. Como os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo, os felos de Maceda, os boteiros de Viana ou Vilariño de Conxo, en Laza viven estes días con emoción o momento de se meter na pel do peliqueiro. 

“Cada un vístese na súa casa, logo xúntanse e van facendo o percorrido. O de Laza conservouse mellor que outros, pode ser que por estar máis afastado e menos exposto ao foráneo. Conserváronse todos os rituais”, sinala Olalla antes de pasar a enumerar as distintas tradicións que teñen a ver, en moitos casos, con ancestrais ritos de fertilidade. 

Xastré e bica branca

As comidas son fortes consonte ao frío do tempo. A bica branca e o xastré non poden faltar para apañar enerxía para as duras xornadas. O domingo, día da estrea,  é cando os peliqueiros saen xa coa careta, repártese a bica branca.  A segunda feira conmemórase o día do boraleiro, a festa da farrapada na que se tiran trapos suxos, cheos de lama. Xa á tarde bótanse as formigas e baixa a morena, unha cabeza de vaca de madeira portada por un home acompañado dunha ampla comitiva. A morena levántalle a saia ás mulleres e as persoas que van canda ela aproveitan para darlles cos toxos, un costume tamén relacionado coa fertilidade. A segunda feira é o día do testamento. Simúlase a morte dun burro e faise o seu reparto á maneira de legado satírico que se aproveita para poñer en público algúns dos principais acontecementos do ano, mentando tamén a viciños e viciñas. 

Máscaras art de

“Cada día ten o seu significado e son moitos os costumes que se conservan do noso entroido. Co tempo dinme conta dos paralelismos con rituais de tribos americanas e africanas, do seu carácter ancestral que perdura e que vivimos como un tesouro que nos chega da noite dos tempos”, di Olalla Diéguez gabanciosa da nova morena que construíu seu pai e que desfilará este ano en Matamá. 

A súa condición de artista queda á vista no resultado das súas máscaras. Pinta ao óleo, dándolle varias capas de pintura e unha de barniz para protexer. “Ao seren tan laboriosas requiren moitas horas por iso pido que mas encarguen con tempo”, anota Olalla que procura seguir a tradición á hora de elaborar as súas pezas, aínda que poña da súa man novos e anovadores elementos decorativos. “No entroido de Laza a xente tende a ser purista e non saír da estética de sempre”, continúa malia que agora están tentando recuperar a través de fotos as imaxes das máscaras dos anos trinta. “Daquela había un artesán que facía caretas ao estilo art decó, igual pintaba un animal mais facíalle motivos vexetais arredor. Con outro tipo de decoración. Son verdadeiras obras de arte”, explica, dunhas máscaras que quere reproducir no seu estudo para futuros entroidos de Laza. 

Comentarios