venres 30/10/20
Mulleres e tradición

A arte de peneirar no arquivo

As xornadas en liña 'Arquivos, mulleres e tradición', do Consello da Cultura Galega coa coordinación Xulia Feixóo, poñen o foco no traballo contemporáneo, desde diversas ópticas, cos materiais legados por mulleres, protagonistas con frecuencia invisíbeis dos procesos de transimisión e conservación do patrimonio inmaterial.
Arquivo fotográfico do Concello de Soutomaior
As mulleres desenvolveron un labor fundamental na transmisión da tradición do patrimonio inmaterial con frecuencia invisibilizado [Arquivo fotográfico do Concello de Soutomaior].

O Consello da Cultura Galega abría hoxe unhas xornadas centradas na tópica "Arquivos, mulleres e tradición", que se estenderán até esta quinta feira. A cita pretende achegarse desde olladas interdisciplinares e colaborativas á muller como portadora de coñecemento patrimonial e xeradora de materiais de arquivo.

De maneira complementaria ao seminario "Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio", que tivo lugar en febreiro deste ano, procúrase agora un punto de vista centrípeto, unha aproximación crítica ás fontes primarias conservadas no Arquivo Sonoro do CCG.

"As mulleres teñen un protagonismo que non sempre foi valorado, cando non ocultado", declarou Xosé Ramón Pousa na presentación. Xunto a el, explicou o obxecto do seminario a coordinadora, a etnomusicóloga Xulia Feixóo, que fixo fincapé no trinomio que desde o mesmo título se propón, para traballar desde múltiplas ópticas co Arquivo Sonoro, "mais non como un contedor de documentos audiovisuais, senón como un organismo vivo que vai medrando e nutríndose de todo tipo de materiais".

A tradición obsérvase como "sinónimo de contemporaneidade, non como foto fixa do pasado en desaparición", engadía. Diferentes perfís poñen o foco do traballo en material de arquivo legado por mulleres co fin de "analizar os contextos e funcións, mais sobre todo as potencialidades artísticas que ten o material a día de hoxe", especialmente na xornada de onte.

Mergullarse no arquivo

O dramaturgo Alfonso Becerra expuxo unha serie de exemplos de danza e teatro desde os anos 90 até a actualidade, nos que a raíz se manifesta alén da cuestión lingüística: nos espazos de representación, na caracterización das personaxes, no movemento do corpo...

Becerra trasladou a proposta do proxecto de danza Zocas, de Mercedes Rande, no que o elemento de calzado referido título "modifica e condiciona o movemento, ao tempo que lle outorga moita realidade ao afirmar o aquí e agora cun son percusor"

Neles Becerra procura tamén "novas maneiras de presentar a figura da muller". Por exemplo, trasladou a proposta do proxecto de danza Zocas, de Mercedes Rande, no que o elemento de calzado referido título "modifica e condiciona o movemento, ao tempo que lle outorga moita realidade ao afirmar o aquí e agora cun son percusor".

O uso deste obxecto incide tamén na idea de que "a festa emana do traballo". Na peza intervén ademais un artesán zoqueiro coas súas ferramentas e o seu traballo, ou un músico que emprega a zanfona, que non se limita ao tradicional se non que mestura con sons electrónicos e o tanxer dunha serra. Toda unha serie de compoñentes que traen á contemporaneidade os elementos tradicionais do espectáculo.

Leni Pérez, pandeireteira e compiladora, partillou o proceso de escolla do repertorio do terceiro disco de Tanxedoras, 1952, que na propia capa anticipa a "homenaxe a Alan Lomax". As pezas parten de cantares de tradición oral do arquivo do propio Lomax, no que tiveron que peneirar moito para quedar só coas escollidas.

Segundo explicou, houbo que adaptar os rexistros, algúns só de voces, ao estilo de Tanxedoras, tamén actualizándoos. “"Queriamos que fose a gravación orixinal e logo a versión do disco, pero non foi posíbel", confesou.

“Fomos xuntando xoias do arquivo e cando chegou o momento parimos o espectáculo 'Por unha peseta'”, conta Rilo

A narradora Vero Rilo, pola súa banda, acode ao arquivo nos seus espectáculos como "fonte de inspiración", mesmo aquel persoal. Deste modo, deu conta de "sete xoias" que serviron de xerme para arrincar o proceso de creación de pezas dos proxectos Apatacón e Rilo&Penadique. Así conta: “Fomos xuntando xoias do arquivo e cando chegou o momento parimos o espectáculo Por unha peseta

O coidado do noso patrimonio levou ás mestras de baile Carme Campo e Chus Caramés a comezar en 2015 con Andar cos tempos, un "convite a revisar a tradición con perspectiva de xénero", expresou a segunda, ao se decataren de "reproducir unha serie de roles que noutros contextos da vida consideraban sexistas".

Neste caso, acudiron tamén ao material audiovisual para botar abaixo estereotipos e preconceptos como é o de ser o varón quen sempre inicia o baile. "A cámara enfoca os pés do home agardando, pero bota a bailar cando xa vai media copla alá. Que pasou? Foi a muller, fóra de plano, quen sacou o punto", explica Caramés a respecto dunha recollida en vídeo.

"A cámara enfoca os pés do home agardando, pero bota a bailar cando xa vai media copla alá. Que pasou? Foi a muller, fóra de plano, quen sacou o punto", explica Caramés

Campo pon en contexto: “A fantasía da aceptación orixínase cando un grupo de elite crea una teoría que vai ser reproducida, sen a pór en cuestión, por outros grupos subordinados que asumen como propia pasando a converterse en realidade, pois vai condicionar a súa maneira de entender o mundo”.

Esta subxectividade que entra na propia actividade da recollida pode incorrer tamén en que os arquivos rematen “por transformar o que atesouran”: Se so gravamos aos homes sacando punto, a fantasía da aceptación na que se apoio a nosa idea do home como guía vai tornar realidade, porque o que non visibilizamos acaba por non existir.

O arquivo como substrato para creacións artísticas continúa hoxe coas sesións dos proxectos sociais MAOS e Punto e Volta. Mañá teremos a oportunidade de escoitar de viva voz a María do Caño, nada na illa de Ons, como representante viva desa tradición.

comentarios