Ante a oportunidade de ter un local na praia, Elena de Froitos non o pensou dúas veces e saltou á abordaxe dun estabelecemento na parroquia de Alcabre, en Vigo (comarca homónima). Así naceu en 2011 O Pirata na praia dos Olmos, un areal de pequeno tamaño -150 metros- situado a poucos metros dun dos puntos máis candentes do verán das Rías Baixas: a gran praia de Samil. Por comparación a esta, a praia das Fontes ofrece unha experiencia totalmente diferente. Mentres verán tras verán Samil atéigase de visitantes, o areal no que se sitúa o local de Elena goza de moita máis tranquilidade, polo que a propietaria decidiu facer da visita á praia das Fontes unha experiencia memorábel e que afonde pola "arte de calquera tipo".
Como sinala a Nós Diario, o seu obxectivo é que a xente "desfrute do ambiente e estea feliz nas vacacións", de modo que cada ano se esmera por confeccionar un programa cultural e artístico abundante -ao menos dous días por semana- e que non deixe indiferente a ninguén. Así, as súas propostas van desde exhibicións de danza e concertos en directo a queimadas ou festas temáticas. Ademais, Elena ten durante o verán unha data especialmente sinalada na noite das cacharelas, xornada grande no seu local que non convén perder. Sobre a oferta musical que ofrece, no Pirata actuaron até agora grupos moi dispares, desde agrupacións que fusionan o estilo funk e rap como Enxeito a outros de blues como Rukan Rock Blues ou de versións.
Malia todo, ese ir e vir de bandas non modificou un ápice a proposta do Pirata, que mantivo sempre a súa identidade para seguir sendo un "sitio diverso no que sentirse libre e sen prexuízos". Deste modo, no local a xente reláxase e desfruta co compromiso de respecto e servizo da súa propietaria, que leva a diversidade por bandeira. Por este motivo, toda persoa que visite O Pirata sabe que ten nel o seu espazo, cadelas e cans incluídos. Como indica Elena, "a cultura é educación".
Illas ao solpor
De entre os atractivos sinalados por Elena de Froitos destaca a vista que ofrece o local do arquipélago das Cíes, un dos conxuntos naturais máis senlleiros da costa galega e insignias do horizonte vigués. As illas de Monteagudo, O Faro e San Martiño constitúen unha silueta difícil de obviar polas persoas bañistas e aquelas apostadas nas cadeiras e barra do Pirata. Xa sexa nun día de brétema como nunha tarde despexada, sempre están como pano de fondo da paisaxe tranquila e de pouca ondada da praia dos Olmos, dando o acento necesario a esta zona das Rías Baixas e enriquecendo a vista.
Menú bucaneiro
Elena de Froitos é unha muller emprendedora que, ante a oportunidade de crear algo propio no que envorcar a súa filosofía, non dubidou. Agora todos os veráns acompaña á veciñanza da zona enchendo de música e sabor as tardes estivais, sobre todo, coas súas ricas sobremesas.
Ante o mundanal ruído
Na contorna da ría de Vigo, atópase a resgardada praia dos Olmos. Este é un lugar descoñecido para a meirande parte das persoas bañistas malia estar localizada xunto aos areais de Tombo do Gato e Bouzas e ser parada intermedia da liña de autobús urbano cara a Samil.