Cultura

A arte de debuxar historias para crianzas

Ilustración, a cara menos coñecida da Literatura Infantil e Xuvenil
'Pepa a Loba. Mulleres bravas da nosa historia', ilustración de Eva Agra
photo_camera 'Pepa a Loba. Mulleres bravas da nosa historia', ilustración de Eva Agra
Cando pensamos nun libro para crianzas, unha das primeiras cousas que nos vén á cabeza son os debuxos. Malia ter a parte visual un peso enorme na produción literaria infantil e xuvenil, é unha faceta que permanece con frecuencia invisíbel. Hoxe pomos o foco nas persoas que debuxan as historias da nosa infancia.

A ilustración “cumpre unha función esencial no mundo hipervisual no que vivimos, enriquecendo a mirada das lectoras máis novas”, manifesta Olalla Cortizas, docente da área de Didáctica da Expresión Plástica na Universidade de Santiago. Ademais propicia o primeiro contacto coa arte e mesmo "abre camiños de comprensión a outras producións onde conviven linguaxes múltiples".

A ilustración “cumpre unha función esencial no mundo hipervisual no que vivimos, enriquecendo a mirada das lectoras máis novas”, manifesta Olalla Cortizas

“A ilustración é a forma que eu teño de narrar”, conta Noemí López, ilustradora detrás de títulos como Podesvir, As porcas porquiñas, Xograr Cangas e Asociados ou Os ladróns de tixolas. Neste mesmo senso apunta Federico Fernández, profesor de debuxo que, entre outros múltiples traballos, recibiu o Premio Nacional de Ilustración en 2001 por Onde perdeu Lúa a risa?. Para el, a ilustración supón o “primeiro contacto coa narración visual, mesmo antes que coa escrita”. E faino exixindo atención, pois “representa o mundo dun xeito non discursivo, complexo, simultáneo... Un modo tan válido como a palabra que demanda espectadores activos e reflexivos”, explica Cortizas.

A ilustración “é unha fiestra aberta á imaxinación e á creatividade”, expresa Eva Agra. Se ben o texto achega unha parte importante da información, o visual supón “impulso final” que fai que as crianzas soñen os mundos relatados.

A ilustración “é unha fiestra aberta á imaxinación e á creatividade”, expresa Eva Agra

Agra é ilustradora profesional en diferentes eidos, incluído o da arte urbana. Máis coñecida polo alcume de Komorebi, foi socia promotora e responsábel da imaxe gráfica de 7H Cooperativa Cultural. Na literatura infantil e xuvenil destacan o seus encargos para a serie Mulleres Bravas da nosa historia, que segue os pasos de  Rosalía de Castro, Maruxa Mallo ou María Victoria Moreno.

Do texto á imaxe

Ilustracion O Pais do Gran Furado_Baia EdiciónsBoa parte dos traballos fanse por encarga sobre textos doutras autoras. Son varias as estratexias que pode seguir a imaxe: adaptar o xogo cromático, os diálogos co tipográfico, incluír estratexias de personificación... López considera que o debuxo debe sempre “transmitir sentimentos”. Ela procura enfrontalo desde unha perspectiva optimista. “O humor pode tratar temas de moito dramatismo e chegar fondo, mesmo mellor que outras linguaxes”, opina, mais sen frivolizar asuntos graves. Así o demostra no libro O pai do gran furado, de Xerardo Quintiá, obra gañadora do Premio Fina Casalderrey, abordando desde esta óptica a violencia de xénero.

Outro dos intereses de López pasa por “promover a literatura de tradición oral”, un traballo que desenvolve con autores como Antonio Reigosa, con quen colaborou en Galicia Encantada ou Guía ilustrada da Galicia Invisible.

Cando Agra traballa para crianzas, procura “simplificar as formas e a información”, aínda que dependendo do rango de idade. Trátase de “pórse na súa ollada”, buscando normalmente ese punto máis divertido.

O estilo de Fernández é xa de seu máis naíf, opta por “xogar con formas básicas”, sen moitos elementos e que sexan comprensíbeis. Sen querelo, evolucionou cara aos que considera trazos que facilitan que a ilustración sexa lexíbel e atractiva para as crianzas. Para conseguilo, cando crea procura quedar con esa "primeira imaxe" que lle vén á cabeza "sen pensar moito", intentando que o resultado final non se afaste demasiado diso.morcego

Aínda que o máis habitual sexa levar a imaxes textos polo xeral alleos, outros formatos como o álbum ilustrado dan o protagonismo á ilustración. É o caso do libro Balea, publicado por Fernández xunto a Germán González. "Malia non ter texto é puramente narrativo", explica o autor. Nesta liña, Agra tamén fai creación propia, aínda sen editar, que presentou á última edición do Premio Compostela Ilustrada, organizado pola editorial Kalandraka. Cortizas destaca o papel das editoriais galegas, abrindo camiño "á exploración en formatos como o do álbum onde a imaxe é fundamental".

Un traballo invisíbel

"A ilustración está afeita a sobrevivir a tempos de crise grazas aos esforzos individuais dun colectivo de gran talento", comenta Cortizas, que non considera que o labor deste eido estea suficientemente valorado. “Aínda que queda percorrido, pero estamos no camiño”, aprecia Agra.

Cortizas apunta ademais ao papel das mediadoras “axudando a dar valor á imaxe, a profundar logo dunha primeira lectura superficial para desenvolver esa visión crítica tan necesaria”. De tal xeito, as crianzas entenden “pouco a pouco e ao seu ritmo a carga de coñecemento que ofrece unha imaxe”, co que se converten en lectoras “menos vulnerábeis”.

Ilustracións de 'O país do gran burato' (Noemí López) e 'Aurelio' (Federico Fernández).

Comentarios