O bravú celebra 25 anos

A arroutada da música en galego

Un cuarto de século pasou xa desde o nacemento do bravú, fito que, cunha auténtica onda expansiva, demostrou con contundencia que o galego tamén era válido para o rock and roll. O seu eco mantense vivo e os protagonistas da arroutada musical celebran o seu aniversario.  Eis un estrato da peza publicada no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza.
f5_Bravu

O bravú celebra o cuarto de século por todo o alto cunha serie de concertos, como o de onte na sala Mardi Gras da Coruña cos Diplomáticos de Montealto e que concluirán 28 de xaneiro na sala Malatesta de Compostela, cun pase do documental 20 anos de bravío, de Anna Díez, e as actuacións de Banda Xangai e os Rastreros. Como aconteceu co bravú, a celebración deste fito –que o foi–, chega sen apoio institucional nin unha produtora detrás, senón pola propia amizade que une os integrantes após tantos anos compartindo palco. Un par de chamadas abondaron para convocar o espírito da arroutada, nunha festa case familiar.

m5_Bravu

O nacemento do bravú foi “esa anomalía”, comenta Xurxo Souto a Sermos Galiza, vocalista dos Diplomáticos e unha das faces máis visíbeis do movemento. Xurdiu como algo inesperado nun momento no que o discurso maioritario impuña “que o galego non valía para o rock and roll”, afirma. Porén, diante dese tópico conxugábase por todo o país unha realidade absolutamente diferente. Xoán Gómez, máis coñecido como Richi, batería dos Rastreros, conta que “até entón 99,9% dos grupos galegos intentaban imitar o de fóra, o que se facía en Euskal Herria ou nos Estados Unidos de América”. O bravú foi un xiro cara ao propio, que supuxo non só a entrada da lingua, senón tamén dos instrumentos tradicionais como o acordeón ou a gaita, así como dunha temática insólita, “a da vida cotiá dun rapaz de 20 anos na aldea”. Algo que, como afirma Xavier Valiño no seu libro Rock Bravú. A paixón que queima o peito, xurdiu para “dar resposta a unha necesidade: a dun sector novo da poboación galega farto de non encontrar unha música na que mirarse ao espello”. 

Do illamento ao movemento

Sen teléfonos móbiles nin internet, os integrantes da arroutada atopábanse dispersos polo país: O Caimán do Río Tea en Ponteareas, Os Bochechinhas en Vigo, Kaos no Morrazo, Os Papaqueixos na Coruña… “Coñeciamos a Mano Negra en París ou Negu Gorriak, pero os Impresentables de Vimianzo non sabían dos Skornabois de  Lourenzá. Cando comezamos a viaxar polo país, descubrimos que había outros iguais ca nós”, conta Souto. Así, devagar adquiriron a consciencia, como dixo o escritor Fran Alonso, de formularen ese “verbo bravú, conxugado en arroutada”.

“Estivemos no parto”, brinca Richi en referencia á xuntanza na taberna do Sistema na que o movemento foi bautizado aquel 1 de novembro de 1994 –véspera dese magosto alternativo que era o Castañazo Rock. Os Rastreros convocaron na aldea de Viana (Chantada) representantes dos diferentes grupos co gallo de superaren tanta incomunicación, nun xantar do que saíu o manifesto que lle puña ao seu estilo común a etiqueta de bravú, “unha metáfora de que queriamos facer música do noso tempo pero co cheiro de onde somos”, conta Souto, pois a palabra fai referencia ao olor da carne de caza e, en xeral, sen castrar. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios