Música, arte, astronomía e acampada

Arrinca o ‘Verán no Gaiás’ cun cento actividades para todas as idades

Coa fin da primavera volta máis unha edición de ‘Verán no Gaiás’ cun cento de actividades programadas para todos os públicos, relacionadas coa música e a arte, ademais dunha chea de obradoiros de artesanía e astronomía e incluso acampadas.

Stitched Panorama
photo_camera Verán no Gaiás 2017

A nova edición de ‘Verán no Gaiás’ arrinca esta sexta feira 21 de xuño , xusto cadrando coa fin da primavera, o comezo do verán e a conmemoración do Día da Música. Chega desta maneira da man da música do histórico grupo Os Resentidos e cunha programación que ao longo dos vindeiros meses acollerá distintos eventos culturais no entorno da Cidade da Cultura, en Santiago.

Actuacións musicais, expresións artísticas e obradoiros de artesanía e astronomía volverán ao Gaiás. A maiores, esta edición ten novidades como a celebración de dous campamentos urbanos para as crianzas e adolescentes que xirarán ao redor das exposicións actuais do Museo Gaiás.

Esta nova edición tamén chega cun 40% máis de actividades respecto ao pasado ano e a previsión da Consellaría de Cultura é superar as 50.000 persoas que participaron en 2018.

Os vindeiros días 28, 29 e 30 de xuño actuarán máis de 500 instrumentistas de bandas de música de toda a Galiza no marco da segunda edición do 'Serán 02'. O ano pasado este evento xuntou unhas 7.000 persoas.

En canto aos campamentos urbanos para nenas e nenos desenvolveranse desde o 8 ao 19 de xullo no Museo Centro Gaiás e estarán relacionados coas exposicións 'Pensar coas mans', 'Cestaría, cerámica e xoiaría da Galiza' e 'Valor e mestría. Galiza como fútbol'.

Desde o 4 de xuño ao 18 de agosto, todos as quintas e sextas feiras e máis os sábados (e agás no Día da Patria Galega) haberá actuacións musicais de sete grupos galegos como  Agoraphobia ou De Vacas, e trece internacionais como Cecilia Krull, Las Migas ou Kumia  Boruka. Ademais, unha grande variedade de estilos mesturarase neste evento como a cumbia, o trap, hip hop ou pop.

O ‘Verán no Gaiás’ tamén se caracteriza pro ofrecer actividades para toda a familia relacionadas coa natureza como a acampada 'Unha noite no Bosque' para coñecer os espazos verdes do Gaiás e tomar conciencia da importancia do patrimonio ambiental. 'Camiño ao Gaiás' e as 'Visitas Astronómicas' completarán esta oferta con roteiros para subir á Cidade da Cultura desde o centro histórico compostelán.

‘Cidade Imaxinaria' será tamén un festival familiar relacionado con espectáculos de circo que se celebrará o vindeiro sábado 24 de agosto no recinto da Cidade da Cultura.

Comentarios